Novo impulso á produción do porco celta en Galicia

Xunta de Galicia e Asoporcel presentaron o Manual do Porco Celta

•Galicia conta xa con máis de 350 gandeirías desta raza autóctona •Dende a Xunta están a desenvolver o Programa de Recursos Zooxenéticos, axudas a produtores, e accións de promoción e apoio á comercialización neste eido • O censo de animais reprodutores desta variedade medrou un 9% dende 2009

A conselleira de Medio Rural e Mar, Rosa Quintana, acompañada polo secretario xeral de Medio Rural e Montes, Tomás Fernández-Couto, e o coordinador xeral de Asoporcel, José Antonio Carril (á dereita), durante a presentación do Manual do Porco Celta. CMR.

O pasado 17 de abril presentouse en Santiago o Manual do Porco Celta, editado pola Fundación Centro Tecnolóxico da Carne da Consellería de Medio Rural e Mar. Durante o acto, a titular deste departamento autonómico, Rosa Quintana, destacou a boa saúde que a produción desta variedade autóctona está a ter na nosa Comunidade, onde xa se rexistran máis de 350 gandeirías adicadas á produción do porco celta, e o censo de animais reprodutores medrou un 9% dende o ano 2009.

TODO O QUE HAI QUE SABER SOBRE O PORCO CELTA

Segundo explicaron os responsables de Medio Rural, o Manual do Porco Celta incorpora abundante información sobre diferentes aspectos relacionados con esta raza, a súa cría e as características da súa carne. Esta obra publicouse en colaboración coa asociación de produtores Asoporcel e co financiamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente e o Instituto Nacional de Investigación e Tecnoloxía Agraria e Alimentaria. As 286 páxinas do Manual do Porco Celta son o resultado do traballo conxunto dunha vintena de expertos e investigadores do Centro Tecnolóxico da Carne, Asoporcel, as universidades de Vigo e Santiago, e o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde).

A produción do porco celta en Galicia está a experimentar unha importante medra nos últimos anos. Arquivo EC.

“VALORIZACIÓN DA MÁIS SENLLEIRA DAS NOSAS PRODUCIÓNS AGROGANDEIRAS”

A conselleira de Medio Rural destacou o compromiso da Xunta a prol da posta en valor das nosas razas autóctonas, con especial atención ó porco celta, que supón “a valorización do máis senlleiro das nosas producións agrogandeiras”. Rosa Quintana suliñou que desde a Xunta se traballa no fomento desta “riqueza fundamentalmente” a través de catro liñas de traballo, que implican o impulso ao Programa de Recursos Zooxenéticos Autóctonos de Galicia en Perigo de Extinción, as axudas aos produtores, as medidas legais de fomento, como a norma sobre porcino extensivo, e as accións de promoción e apoio á comercialización. En relación co Programa de Recursos Zooxenéticos, Rosa Quintana indicou que o seu éxito reflíctese pola evolución favorable dos censos destas razas autóctonas.

PORCINO EXTENSIVO E APROVEITAMENTO SOSTIBLE DOS RECURSOS NATURAIS

Asimesmo, e con respecto ao decreto sobre porcino extensivo, a titular de Medio Rural salientou que con el a Xunta creou as condicións necesarias para garantir o correcto desenvolvemento destas producións, impulsando ao tempo o aproveitamento ordenado dos recursos naturais do noso agro. Quintana engadiu que esta norma parte do feito de que a explotación de porcino en extensivo representa “unha clara opción na diversificación da actividade gandeira e dos usos do monte”, do que xa se están a dar “experiencias positivas” por toda Galicia. Unha diversificación que permite aproveitar recursos endóxenos do territorio, como as landras, castañas, raíces e demais elementos que serven para a alimentación dos animais.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

A abstención do Psoe salva os orzamentos locais de Monforte

Seguinte Nova

Comercio e hostelería puntúan con notable alto á Feira Medieval de Monforte

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: