6.215 peregrinos chegaron a Compostela por esta ruta no primeiro trimestre de 2013
A Xunta asinou en Portomarín un convenio cos once concellos da Mancomunidade do Camiño Francés para o mantemento e rehabilitación desta ruta xacobea
Os once concellos galegos polos que atravesa o Camiño Francés a Santiago, entre os que se atopan catro da comarca de Sarria, acolleron no que vai de ano un 67% máis de peregrinos que o ano pasado. Este dato foi aportado pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, na súa visita a Portomarín, onde tivo lugar a sinatura do convenio entre a Xunta de Galicia e os municipios integrantes da Mancomunidade do Camiño Francés para a conservación e rehabilitación desta ruta xacobea.
UN 71,36% MÁIS DE PEREGRINOS NO TOTAL DAS RUTAS XACOBEAS NO PRIMEIRO TRIMESTRE
Segundo explicou a directora de Turismo de Galicia, no que vai de 2013, recolleron a Compostelá tras percorrer o Camiño Francés un total de 6.215 peregrinos, cifra que case dobra a rexistrada no mesmo período de 2012, cando chegaron a Santiago por esta ruta un total de 3.724 peregrinos. A cifra total de peregrinos que, a través dalgún dos Camiños de Santiago, fixo efectiva a recollida da Compostelá foi de 9.317, dato sustancialmente superior ós 5.437 peregrinos rexistrados no mesmo periodo en 2012.. Neste caso, a porcentaxe de incremento é do 71,36% en relación ao ano pasado.
NAVA CASTRO: “O CAMIÑO FRANCÉS É UN ESPAZO DE MEMORIA COLECTIVA QUE DEBEMOS MANTER E CONSERVAR”
Según os datos aportados pola titular de Turismo da Xunta, de xaneiro ata comezos de abril de 2013, percorreron só o Camiño Francés máis peregrinos dos que en 2012 percorreran a totalidade das Rutas Xacobeas neste mesmo período). Nava Castro destacou que o Camiño Francés “é hoxe un espazo de memoria colectiva e como tal temos que mantelo e conservalo”. Castro suliñou que “é tarefa da Administración Turística de Galicia manter, conservar, difundir e promocionar os Camiños de Santiago”, e precisou que a lei establece tamén que as Administracións locais cooperarán cos órganos da Xunta de Galicia na conservación e protección dos tramos do Camiño que discorran polos seus respectivos territorios.
CONVENIO PARA O MANTEMENTO DO CAMIÑO FRANCÉS EN CADA MUNICIPIO
O convenio firmado entre a Xunta e os once concellos que integran a Mancomunidade do Camiño Francés tivo lugar en Portomarín o pasado 16 de abril. Na sinatura estiveron presentes os rexedores locais dos once municipios, e a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias. Este convenio establece a aportación de Turismo de Galicia a cada un dos concellos da Mancomunidade, que son Pedrafita do Cebreiro, Triacastela, Samos, Sarria, Paradela, Portomarín, Monterroso, Palas de Rei, Melide, Arzúa e O Pino dunha cantidade estipulada en función dos quilómetros de Camiño que transcorran por cada municipio. Con este documento, as entidades municipais comprométense a realizar tarefas de desbroce da maleza, limpeza de residuos e protección do Camiño de Santiago ao seu paso polo concello. De tal xeito que o Concello obrígase a adoptar todas as medidas oportunas que eviten o seu deterioro ou destrución respectando as medidas que lle sexan indicadas tanto dende Turismo de Galicia a través do Xacobeo, como dende a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. O convenio fixa tamén o material específico que teñen que utilizar os equipos de traballo, a súa indumentaria, así como as diferentes obrigas que han de cumprir coa fin de manter a Ruta Xacobea en perfecto estado. O importe global dos diferentes convenios ascende a 156.000 euros, resultantes de aportar mil euros por cada quilómetro do Camiño Francés en Galicia.