O Camiño Francés recibiu un 67% máis de peregrinos no que vai de ano

6.215 peregrinos chegaron a Compostela por esta ruta no primeiro trimestre de 2013

A Xunta asinou en Portomarín un convenio cos once concellos da Mancomunidade do Camiño Francés para o mantemento e rehabilitación desta ruta xacobea

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, posan cos alcaldes de Pedrafita do Cebreiro, Triacastela, Samos, Sarria, Paradela, Portomarín, Monterroso, Palas de Rei, Melide, Arzúa e O Pino, trala sinatura do convenio coa Mancomunidade do Camiño Francés. TG.

Os once concellos galegos polos que atravesa o Camiño Francés a Santiago, entre os que se atopan catro da comarca de Sarria, acolleron no que vai de ano un 67% máis de peregrinos que o ano pasado. Este dato foi aportado pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, na súa visita a Portomarín, onde tivo lugar a sinatura do convenio entre a Xunta de Galicia e os municipios integrantes da Mancomunidade do Camiño Francés para a conservación e rehabilitación desta ruta xacobea.

UN 71,36% MÁIS DE PEREGRINOS NO TOTAL DAS RUTAS XACOBEAS NO PRIMEIRO TRIMESTRE

Segundo explicou a directora de Turismo de Galicia, no que vai de 2013, recolleron a Compostelá tras percorrer o Camiño Francés un total de 6.215 peregrinos, cifra que case dobra a rexistrada no mesmo período de 2012, cando chegaron a Santiago por esta ruta un total de 3.724 peregrinos. A cifra total de peregrinos que, a través dalgún dos Camiños de Santiago, fixo efectiva a recollida da Compostelá foi de 9.317, dato sustancialmente superior ós 5.437 peregrinos rexistrados no mesmo periodo en 2012.. Neste caso, a porcentaxe de incremento é do 71,36% en relación ao ano pasado.

As rúas de Sarria non deixan de acoller peregrinos do Camiño Francés ao longo de todo o ano. Arquivo EC.

NAVA CASTRO: “O CAMIÑO FRANCÉS É UN ESPAZO DE MEMORIA COLECTIVA QUE DEBEMOS MANTER E CONSERVAR”

Según os datos aportados pola titular de Turismo da Xunta, de xaneiro ata comezos de abril de 2013, percorreron só o Camiño Francés máis peregrinos dos que en 2012 percorreran a totalidade das Rutas Xacobeas neste mesmo período). Nava Castro destacou que o Camiño Francés “é hoxe un espazo de memoria colectiva e como tal temos que mantelo e conservalo”. Castro suliñou que “é tarefa da Administración Turística de Galicia manter, conservar, difundir e promocionar os Camiños de Santiago”, e precisou que a lei establece tamén que as Administracións locais cooperarán cos órganos da Xunta de Galicia na conservación e protección dos tramos do Camiño que discorran polos seus respectivos territorios.

CONVENIO PARA O MANTEMENTO DO CAMIÑO FRANCÉS EN CADA MUNICIPIO

O convenio firmado entre a Xunta e os once concellos que integran a Mancomunidade do Camiño Francés tivo lugar en Portomarín o pasado 16 de abril. Na sinatura estiveron presentes os rexedores locais dos once municipios, e a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias. Este convenio establece a aportación de Turismo de Galicia a cada un dos concellos da Mancomunidade, que son Pedrafita do Cebreiro, Triacastela, Samos, Sarria, Paradela, Portomarín, Monterroso, Palas de Rei, Melide, Arzúa e O Pino dunha cantidade estipulada en función dos quilómetros de Camiño que transcorran por cada municipio. Con este documento, as entidades municipais comprométense a realizar tarefas de desbroce da maleza, limpeza de residuos e protección do Camiño de Santiago ao seu paso polo concello. De tal xeito que o Concello obrígase a adoptar todas as medidas oportunas que eviten o seu deterioro ou destrución respectando as medidas que lle sexan indicadas tanto dende Turismo de Galicia a través do Xacobeo, como dende a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. O convenio fixa tamén o material específico que teñen que utilizar os equipos de traballo, a súa indumentaria, así como as diferentes obrigas que han de cumprir coa fin de manter a Ruta Xacobea en perfecto estado. O importe global dos diferentes convenios ascende a 156.000 euros, resultantes de aportar mil euros por cada quilómetro do Camiño Francés en Galicia.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Mercados de Monforte xa ten calendario ata xullo

Seguinte Nova

I Subida Terra de Lemos 2013

Últimas noticias sobre CULTURA

A %d blogueros les gusta esto: