Posta a punto da rede de estradas provinciais co Plan de Rebacheo 2013

5 millóns de euros para mellorar a rede viaria provincial

O bo tempo favoreceu o comezo dos traballos, según os responsables provinciais

O deputado de Xestión Territorial, Manuel Martínez, supervisa o comezo dos traballos de rebacheo nas estradas provinciais. GPDL.

Un total de 5 millóns de euros é a partida orzamentaria que a Deputación de Lugo destina este ano ó Plan de Rebacheo da rede viaria provincial, e que abrangue máis de 4.200 quilómetros de estradas ó longo dos 67 concellos da provincia. Os traballos de mellora, que comezaron o pasado 22 de abril, teñen como obxectivo “deixar en perfectas condicións” as estradas provinciais, según manifestou o deputado de Xestión Territorial, Manuel Martínez, que supervisou o inicio destas actuacións.

COMEZO DOS TRABALLOS TRAS MESES DE ANÁLISE DAS ESTRADAS

Aínda que as obras comezaron a pasada semana, os técnicos provinciais levan xa meses recopilando datos sobre o estado dos viais da rede provincial, para detectar as necesidades en cada punto quilométrico, así como as comunicacións ou solicitudes aportadas polos veciños. Unha vez establecido o mapa de actuacións, un dispositivo formado por 50 operarios e 32 máquinas, baixo a coordinación de 16 capataces e vixilantes, desenvolverá nos vindeiros meses os traballos de mellora, que consistirán no acondicionamento con rego asfáltico de todos os puntos que o precisen. Según precisou o deputado de Xestión Territorial, estes traballos desenvolveranse de xeito simultáneo nas oito zonas nas que está dividida a efectos operativos a rede viaria provincial. As obras correspondentes ós 680 quilometros da zona 4, que inclúe, entre outros, ós concellos de Sarria, Portomarín, O Páramo e Paradela, foron adxudicados á empresa Taboada e Ramos. Asimesmo, os traballos nos 313 quilómetros de estradas provinciais da zona 7, que abrangue os municipios de Triacastela, Samos, O Incio, Folgoso do Courel, Quiroga e Ribas do Sil, foron adxudicados á empresa Construcciones Goñi. Pola súa banda, Construcciones Rafer encargarase dos traballos nos 738 quilómetros da zona 8, que inclúen os concellos de Bóveda, A Pobra de Brollón, Monforte, Sober, Pantón, O Saviñao, Taboada, Chantada e Carballedo.

A rede viaria dependente da Deputación de Lugo é a máis extensa de España, con máis de 4.200 quilómetros. EC.

AS INTENSAS CHOIVAS DO INVERNO RETRASARON O INICIO DOS TRABALLOS

O bo tempo favoreceu a posta en marcha do Plan de Rebacheo; neste sentido, Manuel Martínez declarou que “éramos conscientes do mal estado de moitas estradas e da necesidade destas melloras, pero inicialas antes non serviría de nada porque as choivas desfarían todo o arranxado”. O deputado de Xestión Territorial destacou que este inverno especialmente chuvioso provocou que os danos nas estradas foran maiores que noutras tempadas, pero precisou tamén que “pesa moito a herdanza recibida do Partido Popular, pois “deixou unhas estradas de moi mala calidade, o que acentuou os efectos provocados polas choivas”.

CRÍTICA Á ACTITUDE DE XUNTA E GOBERNO CENTRAL NESTA MATERIA

O deputado socialista afirmou que “fronte ás actuacións e materiais de baixa calidade aplicados durante a etapa de Goberno do Partido Popular, nós apostamos por reformar as estradas botándolles aglomerado en quente, o mellor material que existe no mercado para garantir a durabilidade e seguridade das calzadas, garantindo que estean en perfectas condicións por un período mínimo de 10 anos”. Martínez aproveitou para criticar a actitude da Xunta de Galicia e do Goberno central, “que lonxe de colaborar no mantemento da rede de estradas máis extensa de España, retira a achega do Plan de Obras e Servizos, e tratan de transferirnos todas as competencias posibles, pero sen financiamento”.

O GRUPO POPULAR DEMANDA ARRANXAR AS MARXES DAS VÍAS E LIMPAR AS CUNETAS

Pola súa banda, o Grupo Popular na Deputación de Lugo expresou a súa “satisfacción” pola posta en marcha do Plan de Rebacheo, “posto que é algo que os populares veñen pedindo dende fai moito tempo ante o insostible estado no que se atopan as estradas”. Os populares afirmaron que “é necesario outro tipo de labores”, tales com adecentar as marxes das vías e limpar as cunetas, “posto que se atopan en moi mal estado”. Neste sentido, dende o Grupo Popular lembraron que a Deputación de Lugo contou ao longo destes anos cunha “importante dotación orzamentaria” para a conservación destes viais, que, según precisaron os populares, na área de Vías e Obras superou os 122 millóns de euros en investimentos reais, “e ata a data as estadas provinciais atópanse en pésimo estado”. Dende o Partido Popular amosaron a súa “satisfacción” de que o Goberno provincial “reaccionase e se dera conta dunha necesidade que vimos pedindo dende fai moito tempo”.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Xosé Manuel Beiras, líder de Anova Irmandade Nacionalista: “O réxime logrado na Transición está podre”

Seguinte Nova

Aposta pola veciñanza no rural en Brollón

Últimas noticias sobre CULTURA

A %d blogueros les gusta esto: