
Raquel Arias reuniuse con alcaldes dos doce concellos que integran o VIII Distrito Forestal Ribeira Sacra para firmar un total de seis convenios polos que a Xunta de Galicia dota aos municipios de ferramentas para traballar máis na prevención dos lumes e colaborar co PLADIGA (Plan de Defensa e Incendios de Galicia) na extinción. Os municipios de Folgoso do Courel, Quiroga, Ribas de Sil, A Pobra do Brollón, Monforte, Bóveda, Sober, O Saviñao, Pantón, Carballedo, Chantada e Taboada contarán coa colaboración da Consellería de Medio Rural e Mar na prevención e defensa dos incendios forestais entre xullo e a primeira quincena de outubro. Según explicou Arias, un destes convenios permitirá a contratación polos concellos de entre 4 e 6 persoas para conformar brigadas municipais para a limpeza das faixas de xestión de biomasa en terreos forestais de titularidade municipal ou de propietario descoñecido. As brigadas farán roza manual, rareo e eliminación de restos como labores de prevención de incendios. Estes equipos humanos e materiais serán subvencionados pola Consellería do Medio Rural e do Mar. O resto das actuacións destes equipos serán labores de vixilancia e extinción baixo o mando único descrito no PLADIGA, e executaranse tanto dentro do ámbito municipal como, en caso de necesidade, noutros puntos do distrito. Outros dous convenios destínanse a realizar a planificación preventiva das zonas de xestión de biomasa e á renovación dos camións autobomba municipais. Finalmente, o convenio de participación na prevención de incendios forestais supón a realización de tratamentos preventivos en vías e camiños municipais.