Arrincan os programas de benestar social no sur de Lugo

•A área de Benestar da Deputación inviste 64.000 euros no desenvolvemento en Brollón do programa Conciénciate, para dinamizar o rural e fortalecer o benestar social• O programa provincial Tempos está a desenvolverse en centros como Prodeme ou Afamon, con talleres de estimulación motriz e cognitiva

O vicepresidente da Deputación de Lugo, Antonio Veiga; a concelleira de Benestar Social de Monforte, Pilar López; e o concelleiro de A Pobra do Brollón, Ricardo Rodicio, durante a visita a un taller do programa Tempos desenvolvido no centro Prodeme de Monforte. GPVL

Dous programas de atención ó benestar e á calidade de vida no rural arrincaron neste mes nos concellos do sur de Lugo. Con este motivo, o pasado 9 de maio o vicepresidente da Deputación de Lugo e responsable das Áreas de Benetar Social e Deporte, Antonio Veiga, visitou en Monforte dous centros asistenciais onde se están a desenvolver as actividades enmarcadas no programa Tempos.

ESTIMULACIÓN MOTRIZ E COGNITIVA NO PROGRAMA TEMPOS

O mandatario provincial, acompañado pola concelleira de Benestar Social de Monforte, Pilar López, e o edil de A Pobra do Brollón Ricardo Rodicio, coñeceu de primeira man o desenvolvemento desta actividade nas instalacións de Prodeme e Afamón, onde dous grupos de 10 e 14 participantes de cada institución, respectivamente, asisten semanalmente a estes talleres de ximnasia de intensidade baixa e moderada. Os participantes, coa colaboración de monitores especializados, desenvolven xogos e actividades diversas para estimular as súas capacidades motrices e cognitivas. O programa Tempos conta cun total de 450 beneficiarios, entre maiores e persoas con capacidades especiais, pertencentes a 27 asociacións en todo o sur de Lugo. Según explicaron os seus responsables, as actividades están a contar cunha boa acollida tanto polos participantes como polas súas familias.

EVITAR O ILLAMENTO DOS MAIORES DO RURAL, OBXECTIVO DO PROGRAMA CONCIÉNCIATE

Logo de visitar os centros de Monforte, o vicepresidente provincial desprazouse á Pobra do Brollón para asinar co alcalde, Xosé Lois Maceda, un convenio de colaboración para a posta en marcha do programa Conciénciate, no que a institución provincial inviste 64.000 euros. Según explicou o responsable provincial de Benestar, este programa “innovador”, dirixido ás persoas de maior idade, permitirá dinamizar socialmente o municipio e fortalecerá a cohesión social no medio rural onde, debido á dispersión poboacional e á ausencia de actividades, os maiores tenden ao illamento. Os beneficiarios do programa Conciénciate disfrutarán dun completo programa de actividades, que inclúe talleres de memoria ou obradoiros de manualidades, para estimular as súas habilidades sociais e cognitivas “dun xeito ameno, ó tempo que teñen a posibilidade de compartir con outros maiores as súas experiencias”, precisou Veiga.

O alcalde de A Pobra do Brollón, Xosé Lois Maceda, e o vicepresidente da Deputación de Lugo, Antonio Veiga, firman o convenio de colaboración do programa Conciénciate no concello de Brollón. GPVL.

PRIORIZAR O RURAL NOS SERVIZOS SOCIAIS

O titular provincial de Benestar Social precisou que este programa “mellora os niveis de benestar e calidade de vida da veciñanza do rural”, un obxectivo que resulta “máis relevante na Galiza interior se se ten en conta o abandono do rural por parte do Goberno do Estado e a Xunta de Galiza que continúan a recortar en servizos sociais, educación e sanidade dun xeito máis virulento nos concellos do rural.”

Crítica polo recente recorte do Estado ós dependentes

O titular provincial de Benestar anunciou a comezos de maio que a Vicepresidencia da Deputación está a estudiar a apertura dunha liña de axudas para os dependentes que quedarían desatendidos de confirmarse o recorte de preto de 1.000 millóns de euros en dependencia que establece o Plan Nacional de Reformas aprobado recentemente polo Goberno do Estado.

“O PP DEIXA ABANDOADOS AOS MÁIS NECESITADOS”

Antonio Veiga acusou ó Goberno do Partido Popular de “deixar abandonados aos máis necesitados” con esta medida, que “condena a centos de lucenses á ruína económica e á exclusión social, algo que, na medida das nosas posibilidades, trataremos de impedir”. Neste sentido, dende a Vicepresidencia están a contactar con concellos para determinar o número exacto de dependentes afectados por esta decisión gubernamental, e así poder estudar a posibilidade de abrir unha liña de axudas especiais. Veiga defendeu que “as persoas xa valoradas como dependentes teñen dereito a ser atendidas, e se o Goberno central non lles proporciona esa cobertura deberán ser atendidas polo Servizo de Axuda no Fogar básico, o que provocará o colapso do mesmo”, xa que neste momento xa ten pechados o número de usuarios e a dotación económica.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Cruce de acusacións sobre os carteis de protesta da Plataforma Sanitaria no Cardeal

Seguinte Nova

Os Maios, unha pincelada de cor na paisaxe da crise

Últimas noticias sobre INICIATIVAS

A %d blogueros les gusta esto: