A Carreira Popular da Ferreirúa cumprirá o ano que ven as vodas de prata
A Ferreirúa acolleu, o pasado 12 de maio, a gran festa do atletismo local, coa celebración da XXIV Carreira Popular e a IX Media Maratón. Esta edición contou coa presencia do atleta olímpico galego José Carlos Adán, homenaxeado este ano, e que se alzou co primeiro posto na proba dos 9.300 metros, e manifestou a súa intención de participar na media maratón o vindeiro ano. Esta proba, puntuable para o II Circuíto Ribeira Sacra de Carreiras Populares, tivo como gañadores na proba absoluta ó histórico José Carlos Adán, Jorge Nieto Sánchez e José Manuel Teijeiro Vila, na categoría masculina. Luisa González Somoza, Sonia Teijeiro Ferro e Verónica Romero impuxéronse na categoría feminina. Na media maratón, o gañador foi Ramón Serantes Gómez, con Carlos García e Oscar Lugrís no segundo e terceiro posto. Nas categorías menores, o podio foi monfortino, con Gerardo Martínez de Castro de primeiro, seguido de Pablo Valcárce e Iago Casar, ambos do CNMonforte, no segundo e terceiro postos. A próxima cita do II Circuito Ribeira Sacra de Carreiras Populares será en Bóveda o 26 de maio, na VI Carreira Popular Río Mao.