Internet para todo o rural lucense

Esforzo provincial para impulsar a calidade de vida e o desenvolvemento económico

• O programa Sateliz@te, posto en marcha pola Deputación de Lugo, adica 385.000 euros a dotar de banda longa ás zonas sen cobertura de internet na nosa provincia • Cada beneficiario recibirá unha axuda do 100% do custe de instalación da antena e do equipo de conexión, asumindo só o mantemento do servizo con prezos vantaxosos

Levar internet ás zonas en sombra da provincia de Lugo é o obxectivo do programa Sateliz@te. Arquivo EC.

As novas tecnoloxías forman parte da nosa vida cotiá, pero acceder ós servizos básicos como internet pode resultar complicado dependendo da ubicación xeográfica. Para eliminar estas trabas que a orografía e a dispersión poboacional impoñen na provincia de Lugo, dende a Deputación están a poñer en marcha o programa Sateliz@te, unha iniciativa financiada ó 80% pola Unión Europea e coa que se pretende levar a conexión a internet vía satélite ás chamadas “zonas en sombra”, aquelas onde non existe a posibilidade de contar con outro tipo de cobertura. Según explicou o voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, o programa Sateliz@te conta cun orzamento de 385.000 euros, destinados a dotar de banda longa a preto de 800 usuarios, que poden ser veciños, asociacións sen ánimo de lucro e PEMES. “Con este programa, pretendemos xeneralizar o uso das novas tecnoloxías na provincia de Lugo”, explicou Manuel Martínez, “co dobre obxectivo de mellorar a calidade de vida dos veciños e impulsar o desenvolvemento económico, o emprego e a fixación de poboación no rural”.

INTERNET, INDISPENSABLE PARA A XESTIÓN DIARIA DUNHA PEQUENA OU MEDIANA EMPRESA

As pequenas e medianas empresas lucenses son conscientes da importancia que ten dispoñer dun servizo de internet de calidade, sexa cal sexa a ubicación xeográfica do negocio. Daniel Arza, responsable da empresa quiroguesa Caurelor, explica que internet ten “bastante importancia” para o desenvolvemento da súa actividade profesional. “Por internet resolvemos todo tipo de xestións cos nosos proveedores, dende a tramitacón de pedidos ata o envío de facturas”, puntualiza Arza, que incide tamén na importancia da Rede para a imaxe e a promoción da súa empresa.

PROMOCIÓN COMERCIAL A TRAVÉS DE INTERNET

“Dispoñemos de web, dun perfil facebook, e por suposto do e-mail, todo iso é fundamental para darnos a coñecer”, precisa o responsable de Caurelor, “xa que a presencia en internet é moi importante a nivel publicitario”.

INTERNET, UNHA GRAN FERRAMENTA PARA OS COLECTIVOS SOCIOCULTURAIS DO RURAL

Ademais da relevancia como ferramenta profesional que ten internet hoxendía para as empresas, son outros colectivos os que tamén demandan dispoñer dun servizo de acceso á Rede de calidade. “Hai uns anos, dende a asociación lideramos un proxecto para contar con internet a través do único sistema que había entonces, o Wifinet con rede propia”, explica José Ángel Díaz, presidente da Asociación Cultural Os Gorriós de Louseiro (Sarria). “Contamos cunha subvención do plan Leader a través do GDR Os Sete Castros, e así foi como conseguimos traer internet para todo o pobo”, precisa o presidente de Os Gorriós. Esta activa asociación cultural sarriana emprega con total naturalidade as novas tecnoloxías para as súas xestións ordinarias; “internet resúltanos utilísima para cousas como cobrar as cotas de socio, notificar decisións, e publicitar eventos entre os asociados, por exemplo”, explica José Ángel Díaz, e puntualiza que incluso a contratación de eventos culturais a realizan telemáticamente.

O PROGRAMA CUBRE O 100% DOS CUSTES DE INSTALACIÓN

Para permitir que todos os colectivos, veciños e empresas lucenses que o desexen se sumen ás novas tecnolóxias sen barreiras xeográficas, o programa Sateliz@te ofrece a cada beneficiario unha axuda do 100% do custe da antena, da súa instalación e dos equipamentos precisos para a conexión, ata un máximo de 500 euros. Aínda que despois o usuario deberá asumir o mantemento do servizo, a Deputación garántelles tarifas vantaxosas, ó pactar o subministro con varias operadoras de comunicación. A velocidade da internet vía satélite será dun mínimo de 2 Mb, e o máximo dependerá do tipo de contrato que o usuario formalice, aínda que poderá chegar ós 12 Mb. Os veciños, asociacións sen ánimo de lucro e pequenas e medianas empresas poderán realizar a solicitude destas axudas a partir de principios de xullo, unha vez a Deputación remate o proceso de selección das empresas colaboradoras.

AS NOVAS TECNOLOXÍAS, UNHA OPORTUNIDADE PARA O RURAL

“Sería perfecto poder traballar en calquer lugar desde internet”, valora Daniel Arza, responsable de Caurelor, “xa que hoxendía internet o é todo”. “Resulta increíble que, ata que o fixemos nós dende a Asociación, unha aldea como a nosa a 5 quilómetros de Sarria non tivera cobertura de internet”, destaca José Ángel Díaz, presidente da Asociación Cultural Os Gorriós de Louseiro. “Para traballo, para particulares ou asociacións, internet é o máis básico que hai hoxe en comunicacións”, explica Díaz, que avisa de que “se as institucións queren que siga habendo xente nas aldeas, teñen que apoiar todas aquelas ferramentas e iniciativas para favorecer que non esteamos illados do mundo”.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Os Maios, unha pincelada de cor na paisaxe da crise

Seguinte Nova

Tradición e calidade no encaixe de bolillos lucense

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

     
A %d blogueros les gusta esto: