O sur de Lugo celebrou a gran festa das nosas Letras

Os numerosos actos de celebración do Día das Letras Galegas no sur de Lugo compoñen un calendario intenso tanto nos centros de ensino como nos espazos culturais municipais e das diversas asociacións. Unha celebración fondamente enceitada no sentir da cidadanía, que aproveita para achegarse a todo o universo cultural e literario en torno á lingua galega.

A exposición “17 Escritores Galegos/Letras Galegas 2013”, está aberta este mes na Casa da Cultura de Monforte. EC

EXPOSICIÓN DE AUTORES GALEGOS, E A RÚA COMO LUGAR DE ENCONTRO CULTURAL

Precisamente, un percorrido pola vida e obra de 17 escritores galegos, con referencia ás paisaxes naturais das terras que os viron nacer, son o obxecto da exposición que pode verse na Casa da Cultura de Monforte ó longo de todo o mes de maio. Asimesmo, as rúas de Monforte acolleron o pasado 7 de maio o Correlingua, carreira anual non competitiva onde participan os escolares dos centros de ensino, nunha homenaxe festiva e lúdica á nosa lingua. A rúa como reclamo cultural tamén foi o obxecto das Rutas Histórico-Literarias por Monforte, dirixidas ó alumnado de secundaria, e da Ruta Coñece Monforte, para o alumnado de primaria da cidade do Cabe, que se desenvolven dende o pasado mes de abril ata finais de maio. Orientados tamén á idade escolar son os Certames de Narrativa e de Debuxo Infantís Letras Galegas 2013 que convoca a Biblioteca Municipal de Monforte, dentro da programación provincial da Biblioteca Nodal de Lugo, e que este ano xira en torno ó tema “A toda máquina”.

TEATRO, INDISPENSABLE NO ANO DE VIDAL BOLAÑO

O teatro non podía faltar nun ano consagrado á figura do dramaturgo compostelán Roberto Vidal Bolaño. Ademais da obra de teatro infantil e familiar “Bon apetit”, que o Grupo de Teatro Ghazafelhos representou o pasado día 12, o músico e creador Xoán Eiriz desenvolveu un espectáculo poético-musical para alumnado de 3º de ESO o día 14. A obra de Vidal Bolaño “Animaliños”, a cargo do Grupo de Teatro Municipal, representarase o sábado 18 de maio ás 20,30 horas para o público xeral, e nun pase especial para colectivos sociais o martes 21 de maio ás 16,30 horas. O mesmo día 18 terá lugar no Multiusos de Monforte a partir das 17,30 o Festival das Letras Galegas, e na víspera, o Centro do Viño acollerá o evento “Letras e Viño”. Ao longo de toda a xornada festiva excepto no mediodía, diversos stands ofrecerán os mellores caldos, ó tempo que se recitan poemas e lecturas dramatizadas da obra de Vidal Bolaño, en sesións de mañá e tarde. Finalmente, o 31 de maio a Casa da Cultura acollerá ás 20,15 a conferencia “Como falar e escribir galego con corrección e fluidez”, a cargo de Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística.

O alumnado do IES A Pinguela de Monforte disfrutou dunha xornada didáctica en torno á película de animación “O Apóstolo”. Asistiron a un pase do filme, e a unha charla co seu director, Fernando Cortizo. (Foto cedida).

QUEIMADA E MÚSICA TRADICIONAL NO MALECÓN, E RECITAL NA CASA DA CULTURA DE SARRIA PARA CELEBRAR AS LETRAS GALEGAS

En Sarria, as rúas son tamén o esceario para celebrar a festa das nosas Letras. O día 17 dende as 19,30, o Malecón será o punto de encontro coa actuación do grupo tradicional Peleriños, e a asociación de comerciantes do Malecón invitará ós asistentes a unha degustación de queimadas nos locais da zona. Previamente, a Casa da Cultura de Sarria celebra o día 16 un acto Cultural Poético Musical organizado por Sarricanta coa colaboración da Vicepresidencia Primeira da Deputación e o Concello de Sarria. Neste evento festivo participará un amplo elenco de artistas locais e provinciais; así, intervirá a poetisa Marica Campo, e continuará coa actuación do Coro Sarricanta, Grupo de Música Tradicional Arandela, a actriz e cantante Lorena do Val, o luthier Germán Arias, o grupo Rebuldeira Teatro, a acordeonista Ascensión Romero, os gaiteiros Xan Durán, Dani Arias e Noemi Vázquez, o guitarrista Manolo Fuentes, e os percusionistas Ismael García e David Quintana.

Unha sesión de contacontos na Biblioteca Municipal de Chantada. FC.

TEATRO E CONTACONTOS NA BIBLIOTECA DE CHANTADA

Os máis cativos son o obxectivo das actividades que en torno ó Mes do Libro e ó Día das Letras Galegas se están a celebrar en Chantada. A Biblioteca Municipal funciona como centro dinamizador destas actividades, que reúne con gran éxito a preto de 70 nenos e pais os sábados pola tarde, dende finais de abril e ata rematar maio. Os contacontos tiveron como estrela invitada, o día 11, á exitosa autora Susa Herrera, que cos seus libros musicais e coreografías está a procurar divertidas e didácticas tardes ós nenos e nenas asistentes. O 25 rematarán as actividades, cun contacontos a cargo de Migalla Teatro.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

O IES A Pinguela supera un ano máis as probas de calidade

Seguinte Nova

A investigadora monfortina e doctora en Historia da Arte Manuela Sáez coordina en Nápoles o congreso “Nápoles en tiempo de Manso-Lemos”

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

Chantada contra o cancro

A solidariedade e a conciencia social uníronse en Chantada nunha loita colectiva contra o cancro. No pasado mes de decembro, a directiva
Ir aInicio