Celebraranse do 31 de maio ó 1 de xuño
A iniciativa promovida polo xurista sarrián Román García Varela contará coa participación de José Manuel Romay Beccaría, presidente do Consello de Estado
Sarria voltará ser, un ano máis, a capital do Dereito en Galicia coa celebración, entre o 31 de maio e o 1 de xuño, das VII Xornadas Xurídicas do Concello de Sarria. Este evento, que terá como eixo básico o Dereito Penal, foi presentado o pasado 11 de maio no Salón de Plenos da Casa Consistorial da vila, acto que contou coa presencia do alcalde de Sarria, José Antonio García; a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias; o presidente da Sala Primeira do Tribunal Supremo, Juan Antonio Xiol; e o catedrático de Dereito Civil, Domingo Bello Janeiro.
POÑENTES DE RECOÑECIDO PRESTIXIO NA CARREIRA XUDICIAL
Na súa intervención, Raquel Arias destacou que as Xornadas Xurídicas de Sarria están consolidadas “como un referente especial para a difusión da Xustiza e das distintas especialidades do Dereito” no conxunto do Estado. Pola súa banda, o alcalde de Sarria, José Antonio García, suliñou “a altura e o prestixio recoñecidos” dos poñentes que intervendrán nestas xornadas. As sesións que se celebrarán na última fin de semana de maio contarán coa presencia, entre outros destacados persoeiros da carreira xudicial, do presidente do Consello de Estado, José Manuel Romay Beccaría, e o presidente do Tribunal Constitucional, Pascual Sala, que se encargará da ponencia inaugural das Xornadas. Como colofón a estas intervencións, o xurista sarrián Román García Varela, maxistrado emérito da Sala Primeira do Tribunal Supremo, será o encargado de clausurar as sesións.
ROMÁN GARCÍA VARELA, “EXEMPLO DE COMPROMISO COA SÚA PROFESIÓN E COA SÚA TERRA DE ORIXE, SARRIA”
En referencia a García Varela, impulsor e alma mater das Xornadas Xurídicas de Sarria, a delegada territorial da Xunta en Lugo gabou “a impresionante labor que, por esta vila de Sarria e, por extensión, por esta provincia ven realizando este insigne xurista”. Raquel Arias lembrou o recoñecemento recibido polo xurista sarrián ó recibir recentemente a Medalla Castelao da Xunta de Galicia, e cualificou o labor de García Varela a través das Xornadas Xurídicas de Sarria como “un exemplo de compromiso coa súa profesión e coa súa terra de orixe, todo ao mesmo tempo”.