A Asociación de Palilleiras de Sarria «Camiño de Santiago» actuou como anfitriona deste evento, no que tamén participan as palilleiras da Asociación Cultural de Quiroga
A mostra «Palillando no Camiño» reúne por vez primeira os traballos nesta técnica feitos por mulleres da nosa provincia
A provincia de Lugo é rica en artesanía, e unha das máis descoñecidas manifestacións desta actividade é o encaixe de bolillos, comunmente asociado a poboacións como Camariñas. A riqueza dos traballos que saen das mans das palilleiras lucenses pode verse por vez primeira e ata o 29 de maio na Capela de Santa María, en Lugo, na exposición «Palillando no Camiño». O interés desta mostra reside non só na contemplación das 200 pezas expostas, senón tamén na posibilidade de ver traballar en directo ás palilleiras, e incluso recibir leccións práticas da man destas artesás.
AS PALILLEIRAS SARRIANAS, ANFITRIONAS DA PRIMEIRA MOSTRA SOBRE O ENCAIXE DE BOLILLOS LUCENSE
A mostra «Palillando no Camiño» abría as súas portas a comezos do mes de maio na Capela de Santa María, un espazo expositivo que está a acoller o resultado da creatividade de pintores, oleiros e artesáns diversos de Lugo, e que, según destacou o presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, «estase a converter nun espazo aberto a todos e sen prexuízos, para que todos saiban do potencial creativo que ten a nosa provincia». Esta primeira edición da mostra «Palillando no Camiño» tivo como anfitrionas á Asociación de Palilleiras de Sarria «Camiño de Santiago», que realizaron unha demostración da súa arte na sesión inaugural da mostra. A presidenta deste colectivo, Pilar Rodríguez Díaz, agradeceu ó organismo provincial a posibilidade que todas as palilleiras lucenses teñen nesta exposición para dar a coñecer o seu traballo nun entorno expositivo tan singular como a Capela de Santa María. A idea de participar nesta mostra xurdiu o ano pasado, según explicou Pilar Rodríguez, cando as palilleiras sarrianas organizaron a súa terceira xuntanza, que contou coa presencia do mandatario provincial. «O presidente da Deputación viu unha gravata que fixeramos con bolillos, encantoulle e comprometímonos a facerlle unha», suliña a presidenta das palilleiras de Sarria. «Hai dous meses veu recollela, e aí nos sorprendeu ofrecéndonos a posibilidade de participar nesta exposición, algo que nos fai sentir moi orgullosas», comentou Pilar Rodríguez.
PALILLEIRAS EN SARRIA: UNHA TRADICIÓN DE VARIAS XERACIÓNS
Este colectivo que integra a trinta palilleiras xa leva dez anos producindo arte a través desta modalidade artesanal «que xa ten dúas xeracións para atrás», precisa Pilar Rodríguez. «Sería moi bonito e interesante indagar de donde ven a tradición de palillar en Sarria, pero o feito é que unha das nosas palilleiras trouxo unha almofada de máis de 100 anos, feita en Sarria, así como un xogo de bolillos da mesma antigüidade», suliña a presidenta desta asociación.
O ENCAIXE DE BOLILLOS, MOITO MÁIS QUE UNHA PUNTILLA PARA XOGOS DE CAMA
O peso desta tradición faise notar na calidade e na orixinalidade das pezas presentadas á exposición da Capela de Santa María. «Hai que ter claro que os bolillos non son só puntillas para xogos de cama», precisa Pilar Rodríguez, e proba diso son os diversos deseños de chal, bolsos, pendentes, pulseiras, abanos, vestidos e cubrebandexas, entre outras pezas, que aportaron para a mostra. Pezas que seguen a técnica tradicional galega, «aínda que nós innovamos engadindo pedras de Swarosvki ou fíos metalizados, por exemplo, mentres que antes todo se facía só en algodón», puntualiza Pilar Rodríguez.
PEZAS EXQUISITAS, ELABORADAS CUNHA TÉCNICA DIFÍCIL E MATERIAIS DE ALTA CALIDADE
Fieis tamén á tradición da técnica de Camariñas, «pois as técnicas de fóra, aínda que as coñecemos, non nos gustan tanto», as palilleiras da Asociación Cultural de Quiroga levaron á exposición da Capela de Santa María pezas da máxima calidade, «hai varios chales de liño e seda, tecidos moi selectos, e incluso temos un mantón de seda», explica Sesé Vila, coordinadora das palilleiras da Asociación de Quiroga. Sesé Vila lidera un grupo de oito palilleiras que dende Quiroga «traballan con moitísimo interés», entusiasmadas por un «traballo que é exquisito, moi especial, e con fama de ser bastante difícil». Unha combinación de precisión, habilidade, adicación e materiais de alta gama son a fórmula que explica o alto valor, «tanto en prezo como en calidade en sí mesma», dos traballos feitos con encaixe de bolillos. «Incluso a tela que empregamos é tecida en tear, de xeito totalmente artesanal e co mellor fío», precisa Vila.
REDESCUBRIR OS BOLILLOS A TRAVÉS DESTA MOSTRA
Aparte das cualidades intrínsecas á peza e á técnica empregada, a artesanía ten sempre un valor engadido moi especial. «É moi importante destacar que as palilleiras non estamos pensando tanto en vender a peza que facemos, senón no feito en sí de facela», explica Sesé Vila, «iso xa é un mérito para nós, e poñemos todo o noso esforzo e ilusión». Unha filosofía na que participan en Quiroga tanto mulleres de mediana idade como xóvenes de 20 a 30 anos, aínda que Pilar Rodríguez, de Sarria, lamenta «o pasotismo que en xeral ten a xuventude cara as labores». Unha disciplina que, no caso do encaixe de bolillos, «aínda é unha grande descoñecida pola xente», suliña Pilar Rodríguez. «Cando a xente nos ve nas xuntanzas, queda encantada e sorprendida coas pezas que mostramos, como no caso da gravata do Presidente da Deputación», explicar Rodríguez. Sesé Vila coincide con Pilar no valor didáctico e estimulante que para as palilleiras teñen estas mostras, «que nos sirven como estímulo para ver os bolillos noutros usos».