O Campionato Galego de Taekwondo amosa o bo momento dos deportistas do Neka
Os deportistas do Gimnasio Neka de Monforte seguen a demostrar talento e efectividade en competición. Así, o pasado 4 de maio participaron na final do Campionato Galego de Taekwondo na modalidade de Técnica, disputado en Ourense, e trouxeron da cidade das Burgas tres medallas individuais e dous trofeos de club, un resultado que ven a sumarse ós recentes éxitos no Campionato provincial e no Campionato de España, onde o neno Alejandro Fernández acadou a medalla de ouro. Nesta ocasión, Alejandro repetiu éxito subindo ó máis alto do podio na categoría de prebenxamín, e completaron o palmarés do Gimnasio Neka nesta competición Samuel López e Carlos Rey, que obtiveron medalla de prata e bronce, respectivamente, na categoría infantil. Asimesmo, o Gimnasio Neka logrou dous trofeos na clasificación por equipos, acadando o segundo posto na modalidade masculina e o terceiro na xeral. “Quedar xusto detrás do Mace Sport, que acaba de ser nomeado o mellor club de España, é todo un éxito para nós”, comenta José Mª Vega, entrenador do Neka, que ve nestes trofeos “a confirmación de que estamos a traballar no camiño correcto”. A vindeira cita para este clube será o 25 de maio en Oropesa, onde Yago García (14 anos) disputará o Campionato de España de Combate.
Recoñecementos para os logros do xove taekwondista Alejandro Fernández Franjo, actual campión de España
Con tan só sete anos, o monfortino Alejandro Fernández Franjo está a recibir homenaxes e felicitacións institucionais que recoñecen o seu talento deportivo na prática do taekwondo. Fernández Franjo é campión provincial de combate, campión galego e campión de España, medalleiro que supón todo un éxito dada a súa corta idade. Para recoñecer estes méritos, o Concello de Monforte organizou unha homenaxe a este xove deportista, cunha recepción no Salón de Plenos da Casa Consistorial, onde o alcalde de Monforte, Severino Rodríguez, lle fixo entrega dunha placa. O rexedor local destacou a constancia e o traballo de Alejandro como pezas básicas para acadar o Campionato de España, e animouno a seguir nesta liña.Poucos días despois, Alejandro era recibido polo secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, Juan José Lete Lasa, xunto con outros dous deportistas lucenses destacados a nivel nacional e internacional. Lete Lasa destacou que os tres rapaces “son o presente e o futuro” do deporte en Galicia, e suliñou “o gran esforzo” e a precocidade destes deportistas “para situar o noso deporte no máis alto nivel”.