A obra do dramaturgo compostelán Roberto Vidal Bolaño, protagonista deste ano
Teatro en sentido puro é o eixo sobre o que xira este ano o programa de celebracións do Día das Letras Galegas. O dramaturgo Roberto Vidal Bolaño, finado no 2002, deixou unha pegada definitiva na configuración do teatro profesional galego, e por iso a Real Academia Galega escolleuno como protagonista da gran festa das nosas letras, e ós escenarios como emprazamento principal do programa de actividades.
BOLAÑO OCUPA TODA A PRODUCIÓN DO CENTRO DRAMÁTICO GALEGO DESTE ANO
Así, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria desenvolve ó longo de todo o ano unha intensa programación onde o protagonista é o teatro, sen olvidar a reedición da obra de Vidal Bolaño, as actividades divulgativas e os soportes audiovisuais para facer chegar a todos os públicos o legado deste insigne dramaturgo compostelán. O seu espazo natural, o teatro, será a localización de máis de 100 representacións, espalladas pola principais vilas e cidades de Galicia. O Centro Dramático Galego (CDG) adicará, por vez primeira, toda a súa actividade anual a un único autor; “Días de gloria” será a gran produción do CDG deste ano, baixo a dirección de Fefa Noia. Complementa esta actividade coa participación na produción de “Criaturas” e “BailadELAS. Seis mulleres bolañesas” coas dúas compañías teatrais fundadas polo propio Bolaño, Teatro do Aquí e Teatro Antroido, respectivamente. Seguindo a pegada innovadora que Vidal Bolaño defendeu en toda a súa creación, o CDG pon en marcha durante este ano o Premio Roberto Vidal Bolaño ao Espectador, que ten como obxectivo estimular a participación activa do público que sigue a programación do Salón Teatro de Santiago, xestionado polo Centro Dramático Galego. Un xurado integrado polos traballadores do CDG valorará o interese e a brillantez das suxestións ou comentarios que os espectadores vaian rexistrando tralas representacións neste escenario, e o gañador recibirá un abono anual para asistir de balde a todas as funcións do Salón Teatro, así como as obras completas de Vidal Bolaño. Para que a obra do homenaxeado chegue a todos os públicos, está prevista para outubro a estrea de “Touporroutou da lúa e do sol”, coproducida polo CDG, Teatro do Noroeste e a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia. O ámbito universitario terá espazo tamén para Bolaño, da man de tres traballos escénicos: “Animaliños”, a cargo da Aula de Teatro da USC; “A burla do galo”, pola Aula de Teatro UDC-Teatro Normal; e “RVB 2013”, a cargo da Aula de Teatro Universitario de Ourense-Compañía de Teatro Cordelia.
BOLAÑO NOUTROS SOPORTES
A programación cultural da Consellería de Cultura en torno ó homenaxeado no Día das Letras Galegas inclúe ademais o ciclo “Vidal Bolaño recuperado: citas audiovisuais”, que mostra ó público gravacións históricas das representacións do autor compostelán, e a proxección do filme “Doentes”, de Gustavo Balza, sobre o texto homónimo de Bolaño. A escolma libresca dos escritos do dramaturgo compostelán ten tamén un espazo neste ano de celebracións. A Editorial Galaxia publica unha edición especial de “Un chapeu negro e un nariz vermello”, mentres que Edicións Positivas editará as obras completas de Bolaño e o texto dramático “Doentes”. Asimesmo, a colección Cadernos Ramón Piñeiro adicará un número especial á traxectoria creativa de Vidal Bolaño. Como complemento, unha exposición itinerante desenvolvida pola Asociación Roberto Vidal Bolaño coa colaboración da Xunta percorrerá Galicia entre maio e decembro para ofrecer unha panorámica da obra do dramaturgo a través das imaxes dos seus espectáculos, personaxes e textos.
EXPOSICIÓN SOBRE OS 150 DA PUBLICACIÓN DE “CANTARES GALLEGOS”
En torno á lingua galega e ás súas manifestacións literarias, este ano conmemórase o 150º aniversario da publicación de “Cantares Gallegos” de Rosalía de Castro. Con este motivo, está aberta ata xuño na Biblioteca de Galicia unha exposición que recolle a historia editorial desta obra clave da nosa literatura, a través de exemplares singulares e de gran valor, ademais de traducións, estudos críticos, antoloxías, partituras, audiovisuais e material curioso de carácter efémero. Esta exposición contou coa colaboración da Fundación Rosalía de Castro, Real Academia Galega, Consello da Cultura Galega e Fundación Cidade da Cultura.
Roberto Vidal Bolaño na escola
As celebracións do ano adicado a Vidal Bolaño ofrecen un amplo abano de actividades vinculados á difusión da obra deste autor entre os escolares. Un concurso-exposición de carteis nas modalidades de primaria e secundaria protagonizan o aspecto máis visual, que tamén dá cabida ás novas tecnoloxías, a través dunha aplicación específica no espazo Abalar para saber máis sobre a obra de Roberto Vidal Bolaño.
Pola súa banda, os Equipos de Dinamización da lingua galega elaboraron toda unha serie de propostas en torno a este autor, e os docentes dispoñen dunha unidade didáctica sobre a obra “Días de gloria”, unha das crecacións máis emblemáticas do dramaturgo compostelán. Bolaño será o protagonista da Festa da Lingua que convoca a Federación de Relixiosos do Ensino de Galicia, e tamén centrará os diversos actos que, con motivo do Día das Letras Galegas, se desenvolverán en 38 universidades de fóra de Galicia a través dos departamentos de Lingua e Literatura Galega. Pola súa banda, a Biblioteca Nodal de Lugo organiza un obradoiro de creación para nenos e nenas de 6 a 14 anos, e o tradicional Certame de Narración e Debuxo Infantil Letras Galegas.