Raquel Arias reuniuse coas comunidades de montes de Sober
A delegada territorial da Xunta en Lugo adiantou na xuntanza os plans do Executivo galego para impulsar a implantación e mantemento de soutos de castiñeiros
O pasado 22 de maio, a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, mantivo unha xuntanza cos responsables das comunidades de montes de Sober na capitalidade municipal, para explicarlles as alternativas de aproveitamento forestal que posibilita a nova Lei de Montes, coa que o Executivo galego pretende impulsar “a rendibilidade e sustentabilidade do potencial forestal de Galicia”. Entre estas posibilidades, o texto da Lei recolle o aproveitamento da biomasa, dos pastizais e dos soutos, entre outras fórmulas.
ESTRUCTURACIÓN DE USOS, XESTIÓN SUSTENTABLE DO MONTE, E PREVENCIÓN DE INCENDIOS
Raquel Arias explicou na reunión mantida en Sober que a Lei de Montes baséase en tres grandes piares. En primeiro lugar, busca a reordenación dos usos e actividades no rural; en segundo lugar, o texto lexislativo pretende unha xestión forestal sustentable e de calidade que permita aproveitar a riqueza diversa do monte; e por último, trata de acadar unha redución do número de incendios a través de políticas de prevención e de valorización. Neste sentido, Raquel Arias suliñou a importancia para unha provincia como Lugo “dunha xestión que valorice o noso potencial forestal dende o punto de vista socioeconómico e ambiental”. Arias tamén indicou que a biomasa estase a converter nunha alternativa enerxética nos edificios públicos, como no caso do Hospital Lucus Augusti.
LUGO, PROVINCIA PUNTEIRA EN MATERIA FORESTAL A NIVEL NACIONAL
“A xestión forestal que garanta a multifuncionalidade do monte galego tense que desenvolver dun xeito respetuoso co medio ambiente, procurar a rendibilidade económica e social beneficiosa e, ademais, marcar o camiño do futuro dos nosos bosques”, declarou Arias, que destacou o feito de que Lugo é unha provincia punteira a nivel nacional no eido forestal, dado que preto do 70% da súa superficie está ocupada por bosque.
POSIBILIDADES DA CASTAÑA PARA O DESENVOLVEMENTO RURAL
A delegada adiantou ademais que a Xunta está a estudar un plan de ordenación das producións forestais que dará luz verde a unha orde de axudas para a implantación e mantemento de soutos de castiñeiros. Raquel Arias afirmou que a castaña “é unha produción viable nesta zona, que podería converterse nun complemento á gandería, o viñedo ou a agricultura para diversificar e optimizar o aproveitamento do rural”.