A Tradescola visitou A Pobra do Brollón
A Casa da Cultura de Brollón acolleu un concerto didáctico sobre música tradicional galega
A posta en valor das nosas tradicións e o mantemento do noso acervo cultural pasa por coñecer e valorar cada un dos seus elementos. O importante papel que xoga en toda cultura o elemento musical está no punto de mira das actividades desenvolvidas pola Tradescola, que realiza durante todo o ano diversas actividades fóra da súa sede en Lugo para incrementar a presencia da música tradicional e a danza galega en todas as comarcas ao longo da nosa provincia.
UN REPASO POLOS INSTRUMENTOS E RITMOS DA MÚSICA TRADICIONAL GALEGA
Dentro destas actividades, e coa colaboración da Área de Cultura da Deputación de Lugo, a Tradescola organizou un concerto didáctico na Casa da Cultura de A Pobra do Brollón o pasado sábado 25 de maio. Este concerto, guiado por Luís Correa “O Caruncho”, acadou unha grande aceptación, ao desenvolver unha interesante viaxe pola evolución dos instrumentos e da música tradicional de Galicia, analizando os diferentes ritmos e as principais formacións musicais tradicionais, de paso que se executaron diferentes pezas con diversos instrumentos. A Tradescola organiza ó longo de todo o ano charlas, cursos, exposicións e concertos sobre música tradicional galega para dar a coñecer esta parte sustancial da nosa cultura.