Disfrutar do románico entre viñedos en Pantón

•A primeira fin de semana de xuño acolleu a XX Mostra de Viños da Ribeira Sacra de Pantón •En marcha ata finais de xuño as XXVI Xornadas da Rota do Románico

O alcalde de Pantón, José Luis Álvarez; a profesora e coordinadora das Xornadas da Rota do Románico, Flora Enríquez; e a adegueira Lourdes García, durante a presentación das XXVI Xornadas da Rota do Románico e da XX Mostra de Viños da Ribeira Sacra de Pantón. EC.

Maridar o viño coa arte é unha tarefa doada nos territorios que abrangue a Ribeira Sacra, pero a singularidade dos caldos e do patrimonio monumental acada en Pantón o seu máximo expoñente. Proba diso son os vinteséis anos que xa cumplen as Xornadas da Rota do Románico e, de xeito paralelo, as dúas décadas da Mostra dos Viños da Ribeira Sacra de Pantón. Dúas señas de identidade deste municipio, que ofrece a veciños e visitantes unha interesante proposta de ocio e gastronomía para o mes de xuño.

CONFERENCIAS, MÚSICA E SENDEIRISMO, UNHA FÓRMULA HETEROXÉNEA PARA CELEBRAR O ROMÁNICO DE PANTÓN

O pasado 23 de maio tiña lugar a presentación do programa de actos das XXVI Xornadas da Rota do Románico, e da XX Mostra de Viños da Ribeira Sacra de Pantón, no marco singular do Mosteiro das Bernardas de Ferreira. A profesora e coordinadora destas Xornadas, Flora Enríquez, destacou a continuidade no deseño deste programa “eminentemente cultural”, e lembrou a importancia de poñer de relevo todos os aspectos vinculados á arte románica e ás súas manifestacións en Pantón “para que a xente poida coñecelo cada vez máis, e así poder amalo, aprecialo e darlle valor”. A través dunha fórmula lúdico-cultural que ven funcionando dende case tres décadas, as XXVI Xornadas da Rota do Románico conxugan literatura, arte, música e natureza, engarzadas a través do fío condutor do románico. Aínda que terán continuidade ó longo de todo o mes de xuño, as Xornadas iniciáronse o pasado día 26 coa presentación do libro “Un pouquiño de tradición oral III”, elaborado pola Asociación soberina O Colado do Vento, e presentado por un dos seus membros, Alfonso Campos. O acto estivo amenizado polo grupo musical O Trícole.

UNHA “VIAXE” POLAS BOTICAS MONÁSTICAS

O último día do mes, o edificio Sociocultural de Pantón abriu as súas portas para a exposición de acrílicos da colección “El dulce vino del banquete eterno”, do Pai Luis, monxe cisterciense en Oseira. Logo da inauguración, o Salón de Actos do Concello de Pantón acolleu a conferencia titulada “Las boticas monásticas”, a cargo de Miguel Álvarez Soaje, licenciado en Farmacia e doctor en Historia da Ciencia. A profesora Flora Enríquez destacou o “gran interés” desta conferencia, “da que levamos varios anos desexando poder disfrutala”, por ser moi reveladora das características do mundo e da cultura xerados en torno ó monacato románico.

UNHA OLLADA SOBRE O LEGADO ARTÍSTICO DO PINTOR DE CASTINANDI

A música será a protagonista das celebracións en Pantón o 9 de xuño, co acto poético-musical “Sinfonía no Mosteiro”, que este ano celebra a súa segunda edición na igrexa do Mosteiro das Bernardas, a partir das 19 horas. A atención a todos os aspectos da arte local será o punto de mira do seguinte dos actos festivos. O Salón de Actos do Concello de Pantón acollerá, o 19 de xuño dende as 19 horas, a conferencia titulada “O Pintor de Castinandi. A súa obra artística na Ribeira Sacra”, a cargo de César Carnero, delegado de Patrimonio da Diócese de Lugo. A natureza centrará a xornada do 15 de xuño, co desenvolvemento dunha rota de sendeirismo que partirá ás 10 horas da Praza do Concello de Pantón, cun itinerario marcado polas pegadas artístico-culturais do Pintor de Castinandi. O día seguinte, a Coral Ureca de Vigo ofrecerá un recital a partir das 19 horas no Salón de Actos do Edificio Sociocultural. A música será tamén a encargada de poñer o broche final desta programación, o 30 de xuño, co concerto de piano a cargo de Patricia Rejas Suárez, profesora do Conservatorio Superior de Vigo e doctora pola Universidade de Vigo, que actuará na igrexa do Mosteiro das Bernardas.

DEZ ADEGAS PARA CELEBRAR OS SINGULARES VIÑOS DE PANTÓN

A XX Mostra dos Viños de Pantón comezou cunha xornada de iniciación á cata de viños, celebrada o 29 e 30 de maio, cun gran éxito de participación, según destacou o alcalde de Pantón, José Luis Álvarez. “Os nosos viños están a ter cada vez máis recoñecemento”, explicou o rexedor local na presentación da Mostra, “xa que as tres ribeiras do Miño, Sil e Cabe dan uns viños moi diferenciados e de gran interés”. Este ano, a Mostra de Pantón suma participantes, ata chegar ás dez adegas. O programa de celebracións en torno ó viño de Pantón inclúe tamén deporte e música. O 1 de xuño iniciouse coa XIII Carreira Popular da Rota do Románico, a partir das 10, e dende a unha da tarde abriron os postos de polbo. Na tarde, ás 20,30 horas tivo lugar a inauguración oficial, coa presencia de Mª Carmen Martínez Insua, directora xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia. Xa á noite, a orquestra Millenium amenizou a verbena dende as 23 horas. A mañá do domingo día 2 abriuse con pasarrúas e a celebración, ás 12, da misa no Salón de Actos do Edificio Sociocultural. A lectura do pregón foi ás 13 horas no Campo da Feira, a cargo de Benigno Campos, presentador do programa “Larpeiros”. A Banda de Gaitas O Castro ofreceu un concerto ás seis da tarde, para continuar cunha festa popular dende as oito, amenizada pola orquestra Gran Parada.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Dous alumnos do IES A Pinguela, premiados nun certame de perruquería

Seguinte Nova

AFAMON visitou o Ecomuseo de Arxeriz

Últimas noticias sobre CULTURA

A %d blogueros les gusta esto: