O Igape acolleu esta celebración cun encontro arredor do emprendemento, promovido pola Xunta de Galicia e co obxectivo de achegar a emprendedores e novos empresarios as habilidades e os recursos ao seu dispor para poñer en marcha novas empresas e conseguir a súa consolidación ou a súa internacionalización. O encontro, celebrado no Pazo de Congresos e Exposicións de Santiago, incluiu relatorios de emprendedores de éxito e de expertos que falaron sobre novas oportunidades ou vías de cooperación para proxectos nacentes. A xornada contou cun relatorio de Pilar Jericó, especialista en estratexia e organización de empresas, profesora en escolas de negocio no Instituto de Empresa, ESADE e Universidade Carlos III, e autora de textos de referencia no ámbito da xestión empresarial e, especialmente, no referido á xestión do talento.



