Un congreso convertirá a Lugo na capital galega da cultura dixital

Celebrarase o 7 e 8 de xuño no Salón de Actos do Pazo de San Marcos en Lugo

#INLUGO reunirá por vez primeira en Galicia á elite nacional de Internet e das redes sociais

Blogs, redes sociais ou marketing on line son, entre outros, conceptos insubstituíbles na cultura, economía e ocio actuais. O mundo de internet ofrece todo un mundo de oportunidades e solucións para desenvolver a creatividade, os proxectos persoais e profesionais, e a comunicación sen fronteiras. De aí o seu gran atractivo, e tamén a necesidade de coñecer, de mans de expertos profesionais, os segredos destas novas ferramentas de comunicación e innovación. Con este obxectivo, os vindeiros 7 e 8 de xuño celebrarase na capital provincial o I Congreso de Cultura Dixital e Redes Sociais #INLUGO, que dende o seu primeiro anuncio despertou un enorme interés, esgotándose en apenas seis horas as 200 prazas iniciais para asistir ás xornadas no Salón de Actos do Pazo de San Marcos en Lugo.

Bloggers e expertos en redes sociais nas diferentes áreas do coñecemento estarán presentes no congreso de Lugo. EC.

O CONGRESO PODERÁ SEGUIRSE EN STREAMING POR INTERNET

Os responsables desta iniciativa tiveron que habilitar 150 prazas máis, tamén gratuítas, para seguir en directo o congreso a través da pantalla xigante que se instalará no Salón de Plenos da sede da Deputación de Lugo. Para todos aqueles que non poidan asistir ó congreso de xeito presencial, terán a posibilidade de seguir as ponencias e debates en streaming dende calquera parte do mundo a través da rede, e de xeito totalmente gratuíto, accedendo ás webs www.deputaciondelugo.org e www.inlugo.com.

MÁIS DE 30 RECOÑECIDOS PROFESIONAIS CON PROXECCIÓN NAS REDES SOCIAIS

O I Congreso de Cultura Dixital e Redes Sociais #INLUGO, organizado pola Deputación provincial, ten como obxectivo converterse no principal encontro tecnolóxico de referencia en Galicia neste eido. As xornadas dos días 7 e 8 de xuño reunirán a máis de 30 recoñecidos profesionais en España cuxos blogs e redes sociais contan con miles de seguidores, en áreas como o xornalismo, tecnoloxía, turismo, emprego, marketing ou acción social. Estes profesionais reflexionarán en ponencias e debates sobre os profundos cambios de hábitos e de formas de comunicación que está a suscitar Internet na sociedade. Entre os participantes no congreso que se celebrará en Lugo, estarán o gurú dos medios dixitais e tweetgrafólogo Mario Tascón; Pilar Portero, activista do xornalismo 2.0; Wicho, creador do blog de tecnoloxía dixital máis popular en España; Clara Grima, a profesora blogueira de matemáticas; ou Gonzalo Moreno, de Minube, a comunidade de viaxeiros.

INNOVACIÓN E EMPRENDEMENTO A TRAVÉS DAS REDES SOCIAIS

A cita en #INLUGO reservará tamén espazo para a innovación e o emprendemento. O programa inclúe a presentación de proxectos empresariais desenvolvidos a través das redes sociais, e unha mesa redonda sobre as posibilidades da Rede para impulsar empresas e produtos. Paralelamente ó desenvolvemento do congreso, a Deputación de Lugo convocou os Premios #INLUGO, co fin de recoñecer as iniciativas, persoas ou organizacións da nosa provincia que destaquen polo bo emprego de Internet e das novas tecnoloxías nos seguintes ámbitos: comercio, ocio e restauración; educación e formación; deporte e saúde; cultura e sociedade; e tecnoloxía. Os interesados poderán presentar as súas solicitudes ata o 4 de xuño, a través das webs www.deputacionlugo.org e www.inlugo.com. Os gañadores recibirán un trofeo e dispositivos tecnolóxicos de última xeración cedidos por Telefónica. O congreso #INLUGO está cofinanciado nun 80% pola Unión Europea, e a súa organización contou co apoio de InterQué, entidade formada por profesionais de ampla traxectoria nas novas tecnoloxías, e responsables de proxectos exitosos a nivel mundial como Bitacoras.com ou Laburo.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Inaugurada a central hidroeléctrica Santo Estevo II

Seguinte Nova

1,2 millóns de euros para apoiar o asociacionismo comercial

Últimas noticias sobre CULTURA

     
A %d blogueros les gusta esto: