Este plan estatal, de 3 millóns de euros, céntrase na innovación e uso das novas tecnoloxías
Aproveitar os fondos europeos para a creación de emprego e o pulo empresarial da nosa provincia é un dos obxectivos da xestión da Deputación de Lugo, que acaba de atraer un novo programa formativo vinculado ás posibilidades das novas tecnoloxías para a empregabilidade e a competitividade empresarial. Neste caso, o ente provincial ven de asinar un convenio de colaboración coa prestixiosa Escola de Organización Industrial (EOI), dependente do Ministerio de Industria, para o desenvolvemento do proxecto «Dinamización do Tecido Produtivo de Lugo e o Fomento do Emprego», dotado con 3 millóns de euros, dos que 2,4 serán aportados polo Goberno central procedentes dos fondos FEDER da Unión Europea, e 600.000 euros corresponderán a fondos propios da Deputación.
ADIANTO DA SINATURA PARA ATRAER «CANTO ANTES» UNS FONDOS EUROPEOS MOI DEMANDADOS POLA CRISE
A oportunidade de asinar este convenio foi destacada polo presidente do organismo provincial, José Ramón Gómez Besteiro, «xa que era fundamental captar canto antes estes fondos FEDER a través da Escola de Organización Industrial porque nesta época de crise económica están moi demandados e esgótanse rapidamente». O adianto da firma deste convenio permite, pois, garantir este «importante» investimento na provincia, e ir desenvolvendo os traballos previos de cara a iniciar o proxecto no mes de setembro.
O PROGRAMA BENEFICIARÁ A DESEMPREGADOS, A PEMES E A AUTÓNOMOS
Os beneficiarios deste programa serán, por unha banda, máis dun cento de desempregados, e por outra, alomenos 300 pequenas e medianas empresas e autónomos. Os primeiros, recibirán formación especializada e traballo como asesores das empresas, que recibirán un servizo personalizado para poder mellorar a través da innovación. O proxecto comezará cunha primeira fase de diagnóstico da media ducia de sectores estratéxicos sobre os que se actuará, e a continuación procederase á captación de pequenas e medianas empresas, así como autónomos, que se beneficiarán deste proxecto. A selección dos desempregados que participarán no programa completará esta fase inicial.
ASESORES TECNOLÓXICOS E FUTUROS EMPRENDEDORES
A continuación, procederase a crear unha rede de máis dun centenar de asesores tecnolóxicos, integrada polos desempregados seleccionados na fase previa, que serán fundamentalmente mozos e mozas sen emprego. A formación especializada que recibirán permitiralles traballar asesorando ás 300 pemes seleccionadas, para implantar medidas de innovación a través das novas tecnoloxías, aínda que tamén os habilitará para poder crear nun futuro a súa propia empresa.
REDUCIÓN DE CUSTES E MÁIS PROMOCIÓN E BENEFICIOS COAS NOVAS TECNOLOXÍAS APLICADAS Á EMPRESA
Os autónomos e empresas integradas no proxecto recibirán, pola súa parte, un plan de acción personalizado para mellorar a súa competitividade e beneficios. A innovación a través das novas tecnoloxías permitiralles, entre outras vantaxes, chegar a novos clientes sen límite de fronteiras, e poder fidelizalos con promocións e ofertas personalizadas. As novas tecnoloxías tamén permiten xerar un gran escaparate para que as empresas dean a coñecer os seus produtos e servizos, e incluso crear unha marca de calidade. A xestión telemática supón tamén unha importante redución de custes nos procesos de xestión, e as posibilidades de venda aumentan ao poder contar cunha tenda aberta on line os 365 días do ano, as 24 horas do día.
AS PEMES, «A VERDADEIRA COLUMNA VERTEBRAL DA NOSA ECONOMÍA»
A importancia deste proxecto radica en que vai destinado «á verdadeira columna vertebral da nosa economía», explicou Gómez Besteiro, xa que das 25.000 empresas que hai na provincia, o 96% teñen menos de 10 empregados, e o 86% contan con un ou dous. Pola súa banda, o director xeral da Escola de Organización Industrial, Fernando Bayón Mariné, destacou a importancia desta iniciativa para as pemes, «xa que moitas veces non teñen capacidade por si mesmas para implantar plans de innovación». Neste sentido, o mandatario provincial destacou que «a Deputación de Lugo é a quinta entidade local de toda España en conseguir máis fondos europeos na última convocatoria». Besteiro explicou que «é o resultado do rigor da nosa xestión, e do esforzo por xerar emprego e impulsar a nosa economía».