A XI Festa da Cereixa e do Aceite de Ribas do Sil celebrarase o 8 e 9 de xuño
Superado o ecuador dos dez anos, a Festa da Cereixa e do Aceite de Ribas do Sil segue a apostar pola promoción dun dos produtos máis delicados e exquisitos das terras do sur lucense, e a pesares do risco que ten programar unha celebración axustándose ó tempo de maduración da cereixa, dende o Concello de Ribas de Sil sorprenden cada ano con novas opcións lúdicas que acompañen á degustación do seu prezado froito.
A PRAIA FLUVIAL, ESCENARIO DAS ACTIVIDADES FESTIVAS
Nesta undécima edición da Festa da Cereixa e do Aceite, o entorno da Praia Fluvial de San Clodio consolídase como centro indiscutible das celebracións locais. A súa beleza natural, unida ás tarefas de acondicionamento realizadas para axeitalo a este tipo de eventos, ofrecen por sí mesmos un motivo para visitar San Clodio na fin de semana do 8 ó 9 de xuño. Como novidade, a explanada da Praia Fluvial acollerá nesta edición unha concentración de vehículos clásicos, “unha iniciativa que partiu dun mozo de San Clodio, moi aficionado ós coches clásicos xunto a un grupo de amigos”, explica o tenente de alcalde de Ribas do Sil, Roberto Castro, quen puntualiza que “a idea non é nova, porque xa tiñamos feito concentracións deste tipo hai varios anos, pero durante as festas patronais”. Unha iniciativa que conta con moitos seguidores na provincia de Lugo, e que en San Clodio esperan congregar a preto de corenta vehículos. “A concentración comezará o domingo 9 de xuño ás 11 da mañá, e os coches permanecerán alí durante todo o día, co seu propietario, que explicará ós asistentes a historia e características de cada un dos vehículos participantes”, precisa Castro. A nostalxia dos modelos clásicos, o seu colorido e singular deseño de seguro ofrecerán unha imaxe inolvidable no entorno da Praia Fluvial.
O PREGÓN SERÁ O SÁBADO POLA TARDE
A cor da cereixa será o reclamo máis intenso desta celebración, cando a partir da mañá do sábado 8 de xuño se proceda á apertura do recinto feiral, e comece a degustación de cereixas, animada con pasarrúas do Grupo de Gaitas de Ribas do Sil. O deporte chegará na sesión de tarde, coa disputa, a partir das 20 horas do 5º Trofeo da Cereixa de Fútbol na área deportiva da Praia Fluvial. Logo da competición deportiva, ás 21 horas terá lugar a lectura do pregón a cargo de José Mouriño Cuba, xefe do servizo de Control de Calidade Agroalimentaria e Industrias de Lugo, da Xunta de Galicia. “Sempre optamos por pregoeiros de prestixio”, indica Roberto Castro, tenente de alcalde de Ribas do Sil, “que dalgún xeito, por nacemento, veciñanza ou adicación profesional estean vinculados a esta terra”. A elección de Mouriño Cuba ó seu compromiso co desenvolvemento agrario en Ribas do Sil, “sobre todo no aceite”, precisa Castro, que suliña “a gran colaboración e aportación que sempre tivo Mouriño Cuba cara os proxectos e o traballo que se facían dende aquí”. A xornada do sábado rematará coa actuación do grupo musical “Sesión” a partir das nove da noite.
TARDE DE DOMINGO PARA OS MÁIS CATIVOS
Xa o domingo, os pasarrúas e a degustación de cereixas ocuparán a mañá, e ás 11 horas comezará a concentración de vehículos clásicos na Praia Fluvial, aberta durante todo o día. Un festival folclórico encherá de música a sesión vermú dende as 12 horas. A tarde do domingo estará adicada ós máis cativos, xa que ás 19 horas a compañía Tres Globos porá en escea o espectáculo de títeres “Pedro e o lobo”, no anfiteatro da Praia Fluvial. Ás 20 horas comezará a súa actuación o mago Martín Camiña, co seu espectáculo “Ao ritmo da maxia”, acompañado do baixista Álvaro Muras.
OS TEMPOS DA CEREIXA
Imaxinación, esforzo e ilusión non faltan no deseño da Festa da Cereixa, ademais de ter sempre un ollo na maduración da froita. “Aínda que cada variedade ten o seu tempo, na reunión que temos cos colleiteiros en maio sempre buscamos as mellores datas para garantir un bo suministro cara á Festa”, explica Castro. Bo tino e iniciativa para dar continuidade a unha celebración que está a pelexar pola súa consideración de Festa de Interese Turístico, “sen prisa pero sen pausa”, precisa Roberto Castro, e que de seguro ben merece.