A Mostra do Aceite de Quiroga, distinguida como Festa de Interese Turístico de Galicia

Unha celebración singular que acada o recoñecemento institucional

Este recoñecemento converte a Quiroga no primeiro Concello de Galicia en reunir tres distincións desta categoría

A Mostra do Aceite de Quiroga está a ter cada ano máis visitantes, e unha participación maior dos produtores. Arquivo EC.

O calendario de celebracións do sur lucense é rico en citas lúdicas que ofrecen a veciños e visitantes unha ocasión excelente para coñecer as tradicións de cada localidade, os seus lugares emblemáticos, a súa historia e os seus produtos. Buscar a excelencia dentro deste gran mapa festivo supón un chanzo adiante para a promoción e a posta en valor dun evento. De aí que a consideración de Festa de Interese Turístico de Galicia sexa un preciado recoñecemento, que nestes días acaba de recibir a Mostra do Aceite de Quiroga.

«INDUBIDABLE» ATRACTIVO TURÍSTICO PARA UNHA CELEBRACIÓN ÚNICA NO NOROESTE PENINSULAR

Así, o Consello da Xunta de Galicia do pasado 23 de maio decidiu conceder a distinción de Festa de Interese Turístico á Mostra do Aceite de Quiroga, que se ven celebrando de xeito ininterrumpido dende o ano 2001. A Xunta recoñecía así esta manifestación popular «de gran valor cultural», que ten como base unha das máis arraigadas tradicións da comarca de Quiroga. A singularidade desta celebración outórgalle un «indubidable atractivo turístico» que esta distinción pretende recoñecer, xa que este concello é o único punto do noroeste peninsular cunha prolongación ata Salamanca onde a oliveira é un cultivo autóctono.

MOENDA TRADICIONAL DO ACEITE DURANTE A XORNADA FESTIVA

Dende a Xunta de Galicia destacaron o feito de que a Mostra do Aceite de Quiroga, que se celebra o último domingo de febreiro ou o primeiro de marzo, ofrece ós visitantes a posibilidade de asistir en directo ó proceso íntegro de elaboración artesanal deste preciado aceite, en dúas moendas que se realizan ó longo da xornada festiva, empregando o instrumental e os procedementos que marca a tradición. Proba do fondo saber desta técnica artesanal é o refraneiro popular de Quiroga, que recolle en non poucas referencias as particularidades desta actividade e o seu arraigo nas xentes da comarca.

ENTORNO DE ALTO VALOR PAISAXÍSTICO E MONUMENTAL

Ademais, a Mostra do Aceite ofrece un espacio de venda de produtos tradicionais da comarca, e o ambiente lúdico increméntase coa participación de grupos de folclore local. O valor etnográfico de todos os elementos que reúne a Mostra do Aceite de Quiroga enriquécense coas particularidades do entorno no que se desenvolve, dotado dun «alto valor paisaxístico e monumental».

«ESPALDARAZO» Ó SECTOR DO ACEITE E Ó MANTEMENTO DA TRADICIÓN

Que a Mostra do Aceite de Quiroga sexa recoñecida como Festa de Interese Turístico de Galicia foi recibido como unha «moi boa noticia» no Concello. O alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, precisou que esta distinción implica que «polo menos podemos manter esta tradición», e para o sector produtivo do aceite supón «todo un espaldarazo» ós esforzos que os produtores están a facer para dar a coñecer a calidade e a singularidade do aceite da comarca de Quiroga. «As axudas que ofrece a Xunta anualmente para a celebración deste tipo de festas así consideradas apoia o mantemento desta tradición», precisa o rexedor local, que amosa tamén a súa satisfacción «porque esta distinción reafirma a acción política que nos levou a apostar hai once anos por esta festa tan singular».

QUIROGA, ÚNICO CONCELLO EN GALICIA CON TRES DISTINCIÓNS TURÍSTICAS

O traballo de promoción das tradicións e dos valores das terras de Quiroga que se ven realizando dende o Goberno local suma con este recoñemento un logro máis, que sitúa ó Concello de Quiroga nunha posición excepcional no conxunto da nosa comunidade autónoma. Aínda que xa son 83 as Festas de Interese Turístico de Galicia declaradas pola Xunta, Quiroga é o único municipio de Galicia que conta con tres recoñecementos dos seus valores turísticos e naturais. Ademais da recentísima mención á Mostra do Aceite, xa en 2005 Quiroga recibiu a distinción de Concello de Interese Turístico, e o ano pasado o Sinclinal da Serra do Caurel foi considerado oficialmente Monumento Natural. «Estas consideracións baséanse nos recursos endóxenos desta terra, nos seus valores naturais e paisaxísticos, e o seu atractivo turístico está funcionando», explica o alcalde de Quiroga, que segue a traballar na consecución de novos proxectos para a promoción e a posta en valor do municipio. «Hai tres solicitudes de Ben de Interese Cultural (BIC) en marcha, e esta mesma semana xa se enviaron dous para valorar en Patrimonio», explica Julio Álvarez, «e sen dúbida contribuirán a potenciar aínda máis a nosa oferta de turismo de interior».

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

Bóveda convoca o II Concurso de Carteis XI Feira Tradicional Outrora

Seguinte Nova

300 pemes e 100 desempregados, beneficiarios do novo plan provincial de emprego e formación

Últimas noticias sobre GALERÍA

Ir aInicio