A Ribeira Sacra celebrou a II Xornadas de Portas Abertas da Ruta do Viño

Na primeira fin de semana do mes de xuño

Ofreceron visitas guiadas a adegas, menús especiais, rutas turísticas, descontos en aloxamentos e tamén actuacións musicais

O Centro de Interpretación do Viño da Ribeira Sacra participa nas II Xornadas de Portas Abertas da Ruta do Viño. Arquivo EC.

Viño e gastronomía foron os protagonistas da primeira fin de semana de xuño, coa celebración das II Xornadas de Portas Abertas da Ruta do Viño da Ribeira Sacra. Esta iniciativa, que se levou a cabo de xeito simultáneo nas cinco denominacións de orixe de Galicia, ten como obxectivo potenciar a enogastronomía como atractivo turístico para a nosa comunidade.

APOIO Ó ENOTURISMO COMO OPORTUNIDADE DE NEGOCIO PARA A RIBEIRA SACRA

Durante a presentación destas xornadas, a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, destacou que un dos obxectivos deste tipo de iniciativas é reforzar e dotar de contido á marca turística Galicia. Arias suliñou a importancia de “seguir a desenvolver o enoturismo como unha oportunidade de negocio que contribúa a favorecer o rendemento económico” da primeira actividade da maioría dos municipios pertencentes á Ribeira Sacra. Pola súa banda, a directora xerente de Turgalicia, Carmen Pita, destacou a importancia da gastronomía como atractivo turístico para os visitantes que chegan a Galicia, “polo que hai que seguir reforzando a enogastronomía como peza clave a potenciar”.

VISITAS GUIADAS A ADEGAS CON DEGUSTACIÓN

A directora xerente de Turgalicia lembrou a “gran acollida” da primeira edición destas Xornadas de Portas Abertas, e apuntou que nesta ocasión estase a manter un programa similar con novidades “que fagan máis atractivas estas xornadas”. As Xornadas de Portas Abertas na Ribeira Sacra contaron coa participación de dez adegas, oito restaurantes e tres establecementos de aloxamento. A degustación dos viños nas adegas incluiu visitas guiadas de balde o sábado ás once e media e á unha, e pola tarde ás cinco e ás seis e media, e o domingo só en horario de mañá, cunha única visita guiada ás doce.

COÑECER A PAISAXE E O ENTORNO DA CULTURA DO VIÑO

As xornadas incluiron tamén paseos en barca pola Ribeira Sacra, ofrecidos por Quinta Sacra, acompañados de degustación de empanada e viño da Denominación de Orixe. As actividades lúdico-culturais polas terras do noso viño ofreceron ademais o Tour da Viticultura Heroica a bordo do Tren Turístico Abba Sacra e con visitas ás adegas Regina Viarum, Via Appia e ós miradoiros do Canón do Sil, cun xantar no restaurante A Cantina.

VISITAS GRATUÍTAS A EXPOSICIÓNS RELACIONADAS CO VIÑO E COA ETNOGRAFÍA LOCAL

Para non perderse ningún detalle sobre o mundo do viño e a súa interacción coa cultura e os modos de vida desta zona, as Xornadas ofreceron visitas á exposición do Centro de Interpretación do Viño da Ribeira Sacra, e ó Ecomuseo de Arxeriz, así como ó Museo Etnográfico de Quiroga, descontos na Ruta do Románico, e unha visita guiada ó Monforte Medieval.

CONCERTO GRATUÍTO

A gran novidade desta segunda edición das Xornadas de Portas Abertas da Ruta do Viño da Ribeira Sacra foi a celebración, o sábado 1 de xuño ás 20 horas, dun concerto musical gratuíto a cargo de Nadjla Shami, na Igrexa dos Escolapios de Monforte.

PREMIADOS NA XIX CATA RIBEIRA SACRA

O viño tamén foi protagonista nestes días, coa entrega dos premios da XIX Cata de Viños Ribeira Sacra. Na categoría de viños brancos, o primeiro premio foi para Viña Vella, da adega SAT Virxe dos Remedios, o segundo para Adega Vella, de Jorge Feijoo González, e o terceiro para Abadía da Cova, de Adegas Moure. En tintos, o primeiro premio foi para Cruceiro, da adega Ramón Marcos Fernández; o segundo correspondeu a Don Bernardino , da adega Don Bernardino; e o terceiro foi para Viña Ribada, de Manuel Calvo Méndez. Noutras añadas, foron premiados Sabatelius Mencía Barrica 2011, de Adegas e Viñedos Lareu, e Don Bernardino Mencía Barrica 2010, da adega Don Bernardino.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

A arte e a artesanía da comarca de Sarria, protagonistas

Seguinte Nova

Fondos provinciais para financiar as expropiacións do novo tramo do paseo fluvial

Últimas noticias sobre CULTURA

PROGRAMA LUGOTERMAL 2024_2025

A Deputación abrirá o prazo de inscrición ás 09:00 horas do luns 02.12.2024 da nova edición do LugoTermal, con máis de 1.700 prazas. 
Ir aInicio