A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria entregou os premios ós 34 rapaces e rapazas das diferentes categorías gañadores da convocatoria provincial do Certame de Debuxo e Redacción Letras Galegas 2013, organizado pola Biblioteca Nodal de Lugo. Os galardoados, que superaron previamente a fase local en cada biblioteca, recibiron unha estatuíña de Sargadelos, un diploma e diversas publicacións.
PREMIADOS DE SOBER, SAVIÑAO E MONFORTE NA MODALIDADE DE DEBUXO
O sur de Lugo estivo ben representado, cun total de seis gañadores nas diferentes categorías, e procedentes de Monforte, O Saviñao e Sober. Na modalidade de debuxo, Aroa Fernández Sáa, de 8 anos, da biblioteca de Sober, acadou un accésit na categoría A; mentres que David Rodríguez Jiménez, de 11 anos, que competía pola biblioteca de O Saviñao, acadou o terceiro premio na categoría B, e nesta mesma franxa de idade, Iago López Méndez, de 9 anos e da Biblioteca de Monforte, acadou un accésit.
PREMIOS DE NARRACIÓN, PARA MONFORTE E SOBER
Pola súa banda, na modalidade de narración, Sara Rodríguez Rodríguez, de 8 anos, que se presentou pola biblioteca de Monforte, acadou un accésit na categoría A. Asimesmo, na categoría C, Lucía Amaro Losada, de 14 anos, da biblioteca de Monforte, conseguiu o segundo premio, e Anxela Jorge Vidal, de 13 anos, que se presentou pola biblioteca de Sober, acadou un accésit nesta mesma categoría.