“As touradas en Sarria non son unha necesidade”
Dende AGE denuncian o gasto público en espectáculos “alleos ás tradicións populares do noso país”, nun momento de crise económica e paro
O espectáculo taurino incluído no programa de festexos do San Xoán 2013 foi motivo dunha pregunta parlamentaria formulada na Cámara galega polos deputados Ramón Vázquez e Antón Sánchez, de Alternativa Galega de Esquerdas (AGE). Os deputados desta formación política rexistraron unha pregunta ó Goberno galego sobre os concellos que organizan touradas con cartos públicos. No texto da pregunta, os deputados de AGE fixeron referencia explícita ó Concello de Sarria, “que aparece como patrocinador de espectáculos de maltrato animal”, en referecia á corrida de touros do domingo 23 de xuño. “Na comarca de Sarria, as touradas non son unha demanda nin moito menos unha necesidade”, sinalou Alternativa na argumentación das preguntas parlamentarias, “e iso confírmano os datos de asistencia o pasado ano”.
REUNIÓN PREVIA CO COLECTIVO SARRIA LIBRE DE TOURADAS
O grupo parlamentario presentou as súas cuestións logo de se reunir con membros da plataforma Sarria Libre de Touradas, da que a propia AGE forma parte.
GASTOS EN TOUROS NUN MUNICIPIO CON CASE 2.000 PARADOS E CUN CENTRO DE SAÚDE PECHADO “PARA OPTIMIZAR RECURSOS”
Para Ramón Vázquez, a “axilidade” coa que o Concello de Sarria “decide sufragar as corridas de touros” contrasta coa situación socioeconómica do municipio, “onde o desemprego afecta a 1.934 persoas e o centro de saúde da parroquia de Oural pechou coa escusa de optimizar recursos”. “A organización de touradas implica un maltrato animal inaceptable nunha sociedade que se dá en chamar civilizada”, destacou Vázquez, “é un desbaldimento de recursos públicos indigno, e instala descontextualizadamente festexos alleos ás tradicións populares do noso país”. Alternativa Galega de Esquerdas preguntou á Xunta se considera “apropiada” a organización de touradas con cartos públicos, se coñece canto das transferencias económicas ao consistorio sarriao se gastou nas corridas do San Xoán deste ano, e “se pensa continuar permitindo que os cartos de todas as galegas e galegos se destinen a pagar espectáculos de maltrato animal”.