O Concello de Monforte de Lemos ven de integrarse no programa de compostaxe doméstico promovido por Sogama na busca de importantes beneficios económicos e medioambientais. Unha das iniciativas do programa consiste no reparto gratuíto de compostadores á veciñanza interesada neste proxecto, e que na zona urbana de Monforte supuxo a entrega de 45 unidades, unha parte deles aportados por Sogama, e outra adquirida polo Concello. Unha vez que recibiron os compostadores, os veciños participantes recibiron unha charla na Casa Consistorial para coñecer que tipo de restos e materiais se poden depositar nestes recipientes, así como unha serie de consellos básicos para seguir correctamente o proceso de compostaxe. Dende o Concello de Monforte informaron de que foron case 70 as familias e veciños que se apuntaron a esta iniciativa, polo que hai máis de 20 solicitudes en lista de espera para recibir o compostador gratuíto.





