Lugo, a provincia galega onde máis aumentou a poboación con acceso a internet co Plan de Banda Larga

•Ademais de acadar a cobertura universal de internet, trabállase no impulso de redes de nova xeración •Galicia, entre as primeiras comunidades da UE en incentivar a extensión deste tipo de redes

Modernización da nosa Comunidade, benestar da cidadanía e desenvolvemento do tecido industrial son tres dos obxectivos en torno ós que se puxo en marcha, hai tres anos, o Plan de Banda Larga de Galicia. A aposta polas posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías no desenvolvemento integral dos territorios é o núcleo que vertebra este Plan que a Xunta está a piques de completar, garantindo a condición básica desta estratexia: acadar unha Galicia totalmente conectada, e con máis de 1,3 millóns de galegos usuarios de redes de nova xeración.

Gráfico onde se observa o incremento da cobertura poboacional do servizo de banda larga nos municipios da provincia de Lugo, durante o periodo xaneiro 2010-xuño 2013. (Fonte: Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia – AMTEGA).

O PLAN DE BANDA LARGA CAMBIOU O MAPA TECNOLÓXICO DE GALICIA

Antes da posta en marcha do Plan de Banda Larga, o mapa tecnolóxico de Galicia no ano 2010 contaba só con dous municipios onde un 90% da poboación tiña cobertura de internet. A comezos do 2013, e case un ano antes do remate das actuacións previstas, esta porcentaxe de cobertura rexístraxe xa no 78% dos nosos concellos. O Plan de Banda Larga fixo posible o acceso á rede de 660.000 cidadáns dos 786.000 que carecían deste servizo en Galicia. Esta mellora tecnolóxica actuou non só nos núcleos poboacionais senón tamén nos servizos públicos e nas infraestruturas industriais. En canto ó sector público, as actuacións deste Plan supuxeron unha mellora significativa no acceso a internet nos centros educativos de Galicia, dos que un 97% dispoñen dende xaneiro de banda larga de calidade, o que supón un 20% máis con respecto ó 2009. No sector sanitario, o incremento no número de centros que contan con esta nova dotación tecnolóxica chegou neste xaneiro ó 98%, cunha suba dun 31,5% con respecto á situación anterior ó Plan. O incremento tamén se detectou nas farmacias, que praticamente contan con cobertura total (a comezos deste ano tiñan banda larga de calidade o 99%, fronte ó 93% de 2009). No eido da xustiza, o Plan de Banda Larga levou esta infraestrutura tecnolóxica a preto do total dos xulgados galegos (un 99% dispoñían deste servizo a comezos deste ano, fronte ó 91% do ano 2009). En canto ás superficies industriais, os índices de acceso a internet medraron notablemente coa posta en marcha deste Plan; antes, o 82% dos parques empresariais de Galicia dispoñían de cobertura, e a comezos deste ano o servizo chega xa ó 99% dos polígonos. As actuacións do Plan de Banda Larga completaranse este ano co despregamento de redes fixas e sen fíos para dar cobertura a máis do 97% da poboación. O 3% restante, localizada nas zonas máis illadas de Galicia, contará con acceso á rede vía satélite. Por outra banda, darase cobertura ós 74 puntos de servizos públicos que aínda non contan con acceso á banda larga de calidade, e tamén ó polígono industrial que ten pendente esta conexión.

A cobertura universal de internet de calidade garante o acceso á formación e ó desenvolvemento social e económico das rexións. Arquivo EC.

OBXECTIVO: ELIMINAR A FENDA TECNOLÓXICA

Se o desenvolvemento social e económico está apuntalado hoxendía nas novas tecnoloxías, igualar o acceso á rede en todas as provincias galegas foi un dos obxectivos do Plan de Banda Larga. Lugo resultou a provincia máis beneficiada por esta medida, ó pasar do 54% da poboación con cobertura a máis do 92% en xuño de 2013, e a fenda dixital entre as provincias do interior e as do eixo atlántico reduciuse do 20% ó 3% nos dous primeiros anos. O Plan de Banda Larga de Galicia conta cun investimento público privado de máis de 237 millóns de euros, 80 achegados pola Xunta. O operador público Retegal foi fundamental no desenvolvemento deste Plan, ó poñer a disposición dos operadores privados a súa infraestrura, con máis de 1.800 km de fibra óptica e 210 torres, ás que se engadirán 57 máis este ano.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Literatura á xaponesa

Seguinte Nova

Preto de 300 persoas participaron nas rutas culturais por Monforte do programa das Letras Galegas

Últimas noticias sobre GALERÍA

A %d blogueros les gusta esto: