•Firmado o convenio de colaboración entre Xunta, Confederación Hidrográfica Miño-Sil e Concello de Sarria para a execución desta primeira fase •Estas obras suporán un investimento de 6,7 millóns de euros •Os traballos afectarán a 500 metros de canle do río Sarria, co obxectivo de minimizar os efectos das enchentes no entorno urbano
O tramo urbano dos ríos Sarria e Celeiro comezará a ser mellorado en breve, logo da firma, o pasado 19 de xuño en Lugo, do convenio de colaboración entre diversas administración para a execución da primeira fase das obras deste amplo proxecto. Xunta de Galicia, Confederación Hidrográfica Miño-Sil e Concello de Sarria materializaron este acordo por un importe de 6,7 millóns de euros, dos que a Confederación achegará 5,2 millóns, e o resto será aportado pola Xunta de Galicia a través do canon da auga, que permite este tipo de investimentos dado o seu carácter finalista.
AS OBRAS COMEZARÁN ESTE MESMO ANO
Na firma deste convenio estiveron presentes o alcalde de Sarria, José Antonio García; o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández; o delegado do Goberno en Galicia, Samuel Juárez; o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Francisco Marín; e o subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo. As autoridades presentes na firma do convenio destacaron a importancia deste proxecto para a vila de Sarria, co fin de combater as consecuencias das enchentes dos ríos Sarria e Celeiro ó seu paso polo núcleo urbán. Según precisaron os responsables deste proxecto, está previsto que as obras de execución da primeira fase comecen neste mesmo ano.
AMPLO PLAN DE MELLORA
O Plan Hidrolóxico inclúe a vila de Sarria dentro das áreas con elevado risco de inundacións, e esta catalogación motivou a redacción, por parte da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, do Proxecto de ordenación de marxes dos ríos Sarria e Celeiro, e que inclúe a adecuación da canle e ordenación das marxes do río Sarria dende augas arriba do campo de fútbol local ata augas debaixo da EDAR, e sobre o río Celeiro en todo o seu tramo urbano.
REMODELACIÓN DE TRES PONTES NA PRIMEIRA FASE
A obra que se vai executar esténdese tamén dende a ponte da rúa Peregrino ata a ponte da rúa Calvo Sotelo, o que supón a reordenación de aproximadamente 500 metros de canle. Nesta primeira fase remodelaranse as tres pontes das rúas Peregrino, Calvo Sotelo e Castelao, e unha pasarela na rúa Toleiro, para que deixen de ser un obstáculo fronte ás enchentes. Tamén se actuará sobre o propio paseo do Malecón, facendo compatible o seu uso cos períodos de enchentes e modernizando a súa imaxe.
20 MILLÓNS DE EUROS PARA O PROXECTO TOTAL
Dado o alto custo económico total do proxecto, que supón un investimento de máis de 20 millóns de euros, decidiuse actuar sobre o treito máis urbano e con maiores riscos, de xeito que se mellore a capacidade de desaugamento do río no tramo do Malecón, obras que son completamente compatibles coa futura execución do resto do proxecto. O conselleiro suliñou que a colaboración entre Xunta e Concello repercute tamén noutras melloras para os cidadáns, como é o caso do abastecemento de auga aos veciños. Neste sentido, Hernández avanzou que este verán entrará en funcionamento a nova estación potabilizadora de Sarria, cun investimento de máis de 3 millóns de euros e que garantirá o abastecemento na época de verán e as futuras necesidades de capacidade.