Máis servizos tecnolóxicos para uns concellos máis eficientes

Comeza a segunda fase do programa provincial Innova-TE

Dúas prazas municipais, como a da área de Samoeiro, en A Pobra do Brollón, contarán con rede wifi para que a cidadanía poida acceder de xeito gratuíto a redes sociais ou correos webmail, entre outros. Arquivo EC.

Levar as vantaxes das novas tecnoloxías á atención ós cidadáns centra as actuacións do programa Innova-TE, unha iniciativa da Deputación de Lugo á que están adheridos un total de 48 municipios. Logo de implementar diversos servizos na primeira fase do programa, nestes días están a comezar os traballos para a instalación de redes wifi nas Casas Consistoriais, e noutras dúas prazas municipais, de xeito que a cidadanía poida beneficiarse gratuítamente deste servizo.

INMEDIATEZ DO SERVIZO, GRATUIDADE E ACCESO PARA TODOS, AS VANTAXES MÁIS DESTACADAS DAS «PRAZAS WIFI»

Conectarse a internet dende o portátil, a PDA ou o teléfono, e poder acceder a redes sociais, consultar o correo webmail ou realizar calquer xestión ou consulta en páxinas institucionais vai ser posible dun xeito rápido e sinxelo, e dende un lugar público e sen custes. A inmediatez deste servizo, a súa dispoñibilidade fronte á rixidez dos horarios de apertura dos edificios públicos, ou o feito de facer accesible a rede a todos sen gastos. «Situar un punto wifi no entorno do Samoeiro, un enclave con moitos visitantes, está moi ben», comenta Estrella Páez, presidenta da Asociación de Mulleres Rurais de A Pobra do Brollón, «xa que dá servizo á xente que ven de fóra e non dispón nun domicilio ou dun lugar concreto para consultar internet». «O feito de que estea en prazas onde hai todo tipo de xente, de todas as idades, facilita que internet a usen dende rapaces ata adultos», explica Mª Carmen Mayor, presidenta da Asociación Cultural O Acivo, de A Pobra do Brollón, «porque hoxe internet úsaa todo o mundo».

PRAZAS WIFI SEN HORARIO DE PECHE

A veciñanza comentou tamén a utilidade de contar cun servizo de internet nunha zona «onde a cobertura non está ben en moitas zonas», puntualiza Mª Carmen Mayor, e o feito de ser un servizo sen portas, en espazo público, libera ós usuarios «de estar pendentes dos horarios do Concello ou da biblioteca para poder ter acceso a internet». «Para a mocidade, penso que pode ser moi interesante», precisa Estrella Páez, «porque así poden empregar este servizo sen ter que depender tanto do horario da Biblioteca».

BOAS EXPECTATIVAS

A experiencia de uso deste servizo de «prazas wifi» xa se probou na capital provincial, onde a Deputación de Lugo instalou hai un ano este sistema na praza e nos xardíns de San Marcos. Cunha media diaria de 150 usuarios, preto de 54.000 persoas utilizaron a rede dende este emprazamento, rexistrando entradas en 8,5 millóns de espazos web, o que dá idea da boa acollida desta iniciativa. Aínda que haxa que esperar a setembro para poder utilizar as prazas wifi de Brollón, a veciñanza confía en que a iniciativa será ben recibida. «Hoxe todo vai por internet, é fundamental», insiste Mª Carmen Mayor. «A idea é fabulosa», comenta Estrella Páez, «penso que sen dúbida vai funcionar».

UN PAQUETE DE SERVIZOS PARA UN TRABALLO MUNICIPAL MÁIS EFICIENTE

Aínda que as “prazas wifi” son a novidade da segunda fase do programa Innova-TE, esta iniciativa incorpora outros sete servizos tecnolóxicos destinados á xestión administrativa dos municipios. Como explicou o presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, durante a reunión mantida cos responsables municipais para a instalación dos equipos wifi, estes servizos permitirán ós Concellos “prestar unha mellor e máis áxil atención ós cidadáns, ademais de mellorar a calidade de vida dos veciños”. Según explicaron os responsables municipais, o programa Innova-TE inclúe elementos de carácter técnico, como a mellora da calidade do servizo de banda longa, e a creación de portais web municipais e actualización de contidos nos xa activados na primeira fase do programa, ademais de elementos de apoio a través dun equipo de profesionais.

AMPLO SERVIZO DE ASERAMENTO IN SITU POR DINAMIZADORES TECNOLÓXICOS

Neste sentido, o programa Innova-TE ofrece asesoramento para optimizar o uso da sede electrónica que xa se implantou na primeira fase; conta tamén cun servizo de dinamizadores tecnolóxicos, que darán asesoramento técnico personalizado e in situ ós traballadores municipais, e dispón dun Centro de Asesoramento Tecnolóxico para resolver calquer dúbida que poida xurdir. Asimesmo, o programa Innova-TE elabora para as entidades locais un informe de recomendacións sobre o cumprimento da Lei de Protección de Datos de Carácter Persoal, e realiza unha auditoría sobre as infraestruturas tecnolóxicas implantadas na primeira fase, para garantir o seu correcto funcionamento ou as melloras que se deban engadir.

A implantación da administración electrónica traerá unha maior eficiencia nos servizos municipais, según Rafael Castillo, funcionario no Concello de A Pobra do Brollón. EC.

O CIDADÁN PODE SEGUIR ON LINE TODO O PROCESO DE CALQUER TRAMITACIÓN, SEN EXTRAVÍOS OU ESPERAS

En Brollón, a primeira fase do Innova-TE incluíu a creación dunha páxina web con rexistro de entradas, “para que a xente puidera presentar solicitudes o pagar taxas directamente pola rede, sen ter que vir fisicamente ó Concello”, explica Rafael Castillo, funcionario e secretario municipal en A Pobra do Brollón. “Calquer cidadán pode acceder dende o seu ordenador a todos os arquivos municipais”, explica Castillo, “xa sexa para consultar os presupostos municipais como para pagar unha taxa, presentar solicitudes de todo tipo ou incluso, e iso está moi ben, para facer seguemento do seu expediente sen que se perda tempo buscando un papel”.

ORDENADOR VERSUS PAPEL: A LOITA POLA EFICIENCIA NOS PROCESOS DE XESTIÓN

As potencialidades da administración electrónica teñen un impacto non só na xestión, senón tamén nun aspecto máis tanxible, como é o papel e a súa problemática. “Xa se sabe como é ter a mesa con cantidade de papeis”, explica Rafael Castillo, “e o feito de que co servizo on line cada trámite xa te chegue na fase que lle corresponde, axuda a axilizar moito o traballo”. Pero non só dá problemas o papel activo; se cadra, aínda é máis problemático o documento físico cando xa superou a súa vida procesal: “Aquí o espazo para arquivo é, como en case todos os concellos pequenos, bastante limitado”, destaca Castillo, “polo que a tramitación telemática elimina esta dificultade”. Unha cuestión de espazo, aínda que tamén de orde e de catalogación; “evidentemente, é moito máis rápido e fácil localizar un expediente no ordenador que no arquivo físico”, precisa o secretario municipal de Brollón.

MÁIS RAPIDEZ E FIABILIDADE NA XESTIÓN

Que a tramitación on line simplifica as cousas é recoñecido polos funcionarios municipais, “Trabállase máis ordenadamente, a informática obrígache a ser máis preciso e ordenado”, destaca Rafael Castillo, que valora a administración electrónica como unha ferramenta que garante uns resultados “máis rápidos e fiables” na xestión municipal. A cidadanía valora este dobre beneficio, como suliña Mª Carmen Mayor, veciña de A Pobra. “Que se poidan facer trámites por internet está moi ben, porque ás veces os trámites presenciais non funcionan ben, son lentos”, explica Mayor, que non ve diferencia en que tanto mocidade como os maiores poidan saír gañando neste novo sistema. “Será sempre máis rápido e concreto que ir ata o Concello”, explica.

INTERNET, MOI ÚTIL INCLUSO PARA AS XESTIÓNS DOS NOSOS MAIORES

Estas vantaxes repercutirán notablemente na cidadanía grazas ás novas tecnoloxías. “Aínda que o noso concello está moi envellecido, como moitos da provincia de Lugo, e a informática parece cousa de xente máis nova, ós maiores lles vai beneficiar moito sen dúbida”, suliña Rafael Castillo. O funcionario de Brollón explica que normalmente os maiores delegan moitas das tramitacións ordinarias nos seus parentes máis novos, que moitas veces nin sequera residen no mesmo municipio. “Coa administración electrónica, os fillos ou netos destes veciños maiores poderán resolverlles calquer trámite dende calquer sitio, independentemente do lugar no que residan, sen ter que desprazarse ás presas ata aquí, por medo a perder os prazos ou a que falte un dato ou un papel”, explica Rafael Castillo.

Estes servizos do programa Innova-TE saen a custe cero para os concellos, xa que a Deputación de Lugo asume os gastos da implantación, que se financian ó 80% pola Unión Europea, e que supoñen un aforro de preto de 35.000 euros para cada un dos 48 concellos que quixeron adherirse ó Plan. No sur de Lugo, Carballedo, Chantada, O Incio, Láncara, Monforte, O Páramo, Paradela, A Pobra do Brollón, Quiroga, Ribas do Sil, Samos, Sarria, Sober, Taboada e Triacastela serán os concellos beneficiados.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

O Concello de Monforte promove o préstamo de libros de texto

Seguinte Nova

Polémica sobre a financiación dos servizos sociais e das políticas de emprego na provincia de Lugo

Últimas noticias sobre GALERÍA

A %d blogueros les gusta esto: