Participan os CEIP Monforte e A Gándara
Dende a Concellería de Benestar Social veñen de poñer en marcha, en colaboración cos CEIP Monforte e A Gándara, un programa de préstamo de libros de texto para o alumnado de primaria de ámbolos dous centros. Según explicou a concelleira Pilar López, esta iniciativa solidaria trata de responder á delicada situación económica e laboral que están a sufrir gran número de familias, agravada “polos sucesivos recortes sociais que estamos a sufrir nos últimos meses”.
MINIMIZAR O IMPACTO DOS RECORTES SOCIAIS
Dado que, según López, o impacto destes recortes sobre a poboación é moito maior da capacidade das administracións locais para contrarrestalas, dende o Concello de Monforte tratan de “intentar contrarrestar este efecto, aínda que sexa de xeito parcial, poñendo en marcha iniciativas que poidan servir de axuda ás familias con menos recursos”.
FASES DO PROGRAMA DE PRÉSTAMO DE LIBROS
Según explicou a concelleira Pilar López, acompañada das directoras dos CEIP Monforte e A Gándara, María Núñez e Gloria Cortiñas, o programa desenvolverase en tres fases. A primeira fase consistirá na entrega voluntaria nestes dous colexios, por parte das familias que queiran participar, dos libros de texto usados, ata o 5 de xullo. A segunda fase, que se desenvolverá do 8 ó 19 de xullo, as familias interesadas en beneficiarse do préstamo de libros poderán presentar a solicitude nos centros correspondentes. A terceira fase, xa despois do verán, inclúe a entrega dos lotes de libros ás familias seleccionadas no centro educativo de referencia, entre os días 2 e 6 de setembro. O horario dos centros para todos estes requisitos será de 10 a 13 horas. A mediados do mes de agosto, o Concello comunicará ás familias que libros recibirán en préstamo e cales deberán mercar. O Concello comunicou que, á marxe desta iniciativa, este ano volverá convocar as becas para a compra de libros e material escolar.