Yago García acadou o ouro no Open de Basauri coa selección galega, e os de Neka lograron dez metais no Torneo Internacional Cidade de Ourense
O Gimnasio Neka de Monforte ven de completar nestes días unha espectacular temporada, que tivo o seu broche de ouro co primeiro posto de Yago García no Open de Basauri, celebrado a comezos deste mes, e coa consecución de dez medallas no Torneo Internacional Cidade de Ourense, disputado a mediados de xuño.
TRAXECTORIA “IMPRESIONANTE” DO XOVEN TAEKWONDISTA YAGO GARCÍA
O adestrador e xerente do Gimnasio Neka, José Mª Vega, destacou a “impresionante traxectoria” de Yago García, “que este ano está imparable, e que gañou medalla en todas as probas menos unha”.
DEZ MEDALLAS NA PROBA DE OURENSE, CON TRIUNFO SOBRE A ACTUAL CAMPIONA GALEGA DE TAEKWONDO
Por outra banda, Vega suliñou o “gran éxito” da participación dos deportistas de Neka na proba de Ourense, que rematou cunha ducia de medallas “que puideron e deberon ser outras seis máis, se non fora pola pésima actuación dalgúns árbitros”, dos que Vega lamentou a súa “inexplicable” actuación. A pesares de todo, o traballo dos rapaces e rapazas de Neka é indiscutible, como proba o feito de que Sabela González disputou con éxito o ouro á actual campiona galega. Ademais da medalla de ouro de Sabela, o Gimnasio Neka acaparou tres pratas, con Luis Somoza, Samuel López e Cristopher Elías. Completaron este palmarés impresionante os seis bronces acadados por Antía Fernández, Miriam Valcárcel, José Roca, Julio López, José Luis Rodríguez e Allan Guagua. José Mª Vega amosou a súa satisfacción por este ano de éxitos, “xa que levamos medalla en todas as probas ás que fomos, e o número de licencias segue aumentando, polo que estamos moi contentos”.