Encontronazo institucional en torno á asunción dos custes en benestar
Este ano, a Deputación volverá asumir en solitario os custes destes servizos
O Goberno provincial denuncia que a Xunta “discrimina” ós lucenses “ó non consensuar o convenio destas prestacións, como sí se fixo nas outras provincias”
Envellecemento e desemprego están a marcar a actualidade social e política na provincia de Lugo, a raíz do conflicto que as principais administracións manteñen en torno á financiación dos servizos sociais e emprego. A Xunta de Galicia ven de renovar, o pasado 18 de xuño, os convenios de colaboración nestas áreas coas tres Deputacións galegas, agás a de Lugo, o que obriga á entidade provincial a asumir en solitario o montante destes custes.
A XUNTA FALA DE “RENUNCIA ÁS AXUDAS” POR PARTE DO ORGANISMO PROVINCIAL
Según informaron dende a Consellería de Traballo e Benestar, os responsables do ente provincial “renunciaron un ano máis a estas axudas”. “Mantivemos dúas xuntanzas para atopar un texto de consenso”, indicaron dende Benestar, facendo fincapé no “intento de entendemento en beneficio dos lucenses” que mantivo o departamento autonómico e “ao que non respondeu a institución provincial”.
A DEPUTACIÓN CRITICA QUE A XUNTA “REXEITARA DIALOGAR” SÓ EN LUGO Ó DELEGAR AS XUNTANZAS EN TÉCNICOS “PARA IMPOÑER O SEU CONVENIO”
A lectura que deste desencontro fan dende a Deputación de Lugo alude máis ben á “falta de consenso” e á “imposición” que a Xunta quixo facer do convenio de colaboración establecido “exclusivamente pola Consellería, sen que en Lugo existise negociación algunha”. Neste sentido, dende o equipo de goberno provincial informaron de que o presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, solicitara unha reunión urxente cos responsables da Xunta na que acordar “en base ás necesidades dos veciños e tal como se fixo coas outras provincias galegas” o financiamento necesario por parte de cada unha das administracións implicadas, de xeito que se garantiran estas prestacións. A Xunta “fixo caso omiso desta petición de reunión”, a pesares de que o organismo provincial seguiu a insistir na necesidade de manter unha reunión co Presidente da Xunta. Neste sentido, Gómez Besteiro reclamou ó Goberno galego “o mesmo trato para a provincia luguesa que para as demais”, onde representantes do Executivo autonómico tiveron encontros cos mandatarios provinciais, e permitiron que as dúas partes definisen os convenios de colaboración. Dende a Deputación queixáronse de que “as dúas reunións mantidas en Lugo foron con técnicos da Consellería de Traballo e Benestar sen capacidade negociadora”, polo que interpretan que a Xunta “rexeitou dialogar coa Deputación de Lugo delegando en profesionais sen potestade para tomar decisións.”
A DEPUTACIÓN ESIXE DOUS CONVENIOS, UN PARA CADA MATERIA
Dende o Goberno provincial, lamentan ademais o procedemento de tramitación elixido para este convenio, que según explicaron recibiron por vía e-mail con dous días de prazo para responder. Dende a Deputación solicitaron de novo e con carácter inmediato unha reunión para abordar determinados aspectos do convenio que planteaba a Consellería para o ano 2013. Por unha banda, o organismo provincial considerou “fundamental” establecer dous convenios por separado, un para servizos sociais e outro para políticas activas de emprego, fronte ó convenio único para ambas materias que establece a Xunta. O Goberno provincial xustificou esta demanda “ante a situación de crise económica, a maior taxa de paro na historia e os recortes en benestar social por parte dos Executivos autonómico e estatal”.
FIXAR AS ACHEGAS CONCRETAS DE CADA ADMINISTRACION
Por outra banda, a Deputación esixe que se defina no convenio que financiamento concreto debe achegar cada administración. O borrador do convenio indica, según os responsables provinciais, “que a Deputación de Lugo ten a obriga de financiar en solitario os servizos sociais nos concellos de menos de 20.000 habitantes”, o que significa o total dos municipios lucenses agás Lugo, polo que o Goberno provincial pon en dúbida “que sentido ten asinar un convenio de colaboración” coa Xunta. Asimesmo, hai que lembrar que a Deputación de Lugo xa interpuxo un recurso contencioso-administrativo contra a Xunta por regular a financiación dos servizos sociais en Galicia acudindo á vía do decreto, e non pola lei.
CRÍTICA Ó RECORTE NAS POLÍTICAS DE EMPREGO
Finalmente, a Deputación de Lugo denunciou o recorte que a Xunta aplica neste convenio ás políticas activas de emprego, que pasarían dunha achega en 2012 de 1,2 millóns de euros, a 400.000 euros neste ano. Os responsables provinciais criticaron que a Xunta non aclarou ningunha destas tres cuestións planteadas pola Deputación, e que fan revivir a situación dada o pasado ano, “cando os lucenses quedaron sen financiamento autonómico para servizos sociais, mentres que o resto dos galegos recibiron máis de 13 millóns de euros”.
NECESIDADE DE DIÁLOGO
Según explicaron dende o organismo provincial, a Deputación de Lugo acordou un Orzamento para este ano onde se incrementou a partida de fomento do emprego nun 63% con respecto a 2012, e nun 12% a partida para servizos sociais. Serán por tanto máis de 10 millóns de euros para actuacións que xeren emprego, e 2,2 millóns para benestar social o que aportará a Deputación co fin de atender as necesidades da provincia, aínda que se insiste na necesidade de manter unha reunión co Presidente da Xunta “para establecer vías de colaboración entre ambas administracións”.