O Concello aforrará 20.000 euros anuais coa instalación de unidades fotovoltaicas en 7 edificios municipais
Ofrecer mellores servizos con menor custe é unha teima dos concellos lucenses, que tratan de optimizar os recursos a través do control do gasto. Unha das partidas máis revisadas é a factura eléctrica, á que os concellos tratan de poñer freo coa aplicación de medidas de aforro enerxético. As solucións escollidas pasan por unha fórmula que non só supoña aforro de cartos, senón tamén unha aposta polo medioambiente. A enerxía solar é unha das opcións dispoñibles, pola que acaba de apostar o Concello de Quiroga, e que lle suporá un importante aforro económico ás arcas municipais.
EDIFICIOS MUNICIPAIS QUE TERÁN CENTRAL FOTOVOLTAICA
Neste mes, o Concello de Quiroga anunciou a adxudicación do contrato de obra para a instalación de centrais fotovoltaicas na modalidade de autoconsumo en sete edificios municipais. Os equipos, con 10 Kw de potencia nominal, serán instalados nas cubertas do Auditorio Municipal, Casa da Cultura, CEIP de Quiroga, Pavillón Polideportivo, e Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP). Pola súa banda, instalarase un equipo fotovoltaico na Escola Infantil Galiña Azul, que compartirá cos garaxes da Praza de España, mentres que a depuradora compartirá a súa central fotovoltaica coas Piscinas Municipais e o Campo de Fútbol.
20.000 EUROS DE AFORRO Ó ANO
Os responsables municipais explicaron que a instalación destas centrais fotovoltaicas suporá para o Concello un aforro estimado de 20.000 euros ó ano. O funcionamento das centrais que se instalarán en Quiroga denomínase de autoconsumo, porque a produción dos paneis destinarase a abastecer o consumo enerxético do inmoble onde están instalados. Deste xeito, nos momentos nos que no inmoble non haxa demanda, o excedente verterase a rede. Polo contrario, cando a produción da planta fotovoltaica sexa nula ou simplemente non sexa suficiente como para abastecer a demanda, tomarase a enerxía da rede de distribución do mesmo xeito que se fai na actualidade.