2ª edición das bolsas de formación Leonardo Da Vinci

A Deputación volve convocar esta iniciativa destinada á mocidade lucense

Durante a presentación da 2ª edición das bolsa Leonardo Da Vinci, o presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, estivo acompañado de dous bolseiros da primeira convocatoria, Tamara Rubiños e Felipe Neira. GPDL.

Experiencia e idiomas son os dous piares sobre os que xiran as bolsas de formación Leonardo Da Vinci, unha oportunidade que a Deputación de Lugo ofrece á mocidade lucense para mellorar a súa inserción laboral. Así o explicou o presidente do ente provincial, José Ramón Gómez Besteiro, na presentación da segunda edición destas bolsas, nun acto onde estivo acompañado por dous mozos que o ano pasado disfrutaron destas becas en Europa, e que animaron á mocidade da provincia a inscribirse nesta iniciativa.

70 BOLSAS PARA PRÁCTICAS EN PAÍSES EUROPEOS, A CUSTE CERO PARA O BOLSEIRO

Según explicou Gómez Besteiro, a segunda edición do programa Leonardo Da Vinci, impulsado pola Deputación e cofinanciado pola Unión Europea, ofrece por segundo ano consecutivo un total de 70 bolsas formativas para realizar prácticas en diversos países europeos. As vantaxes deste programa radican en que non ten custe algún para o beneficiario, xa que a organización encárgase de xestionar e custear o aloxamento, o lugar de formación e incluso as viaxes, de xeito que os mozos e mozas que van desenvolver a súa etapa formativa en Europa poidan centranse exclusivamente no proceso de aprendizaxe.

BOLSAS DESTINADAS A RECÉN TITULADOS EN DIVERSOS SECTORES

O mandatario provincial explicou durante a presentación das bolsas Leonardo Da Vinci o perfil de beneficiario desta iniciativa. Mozos e mozas lucenses recén titulados poderán optar a estas bolsas, cando a súa titulación estea relacionada cos sectores do medio ambiente, agroalimentación, pesca, gandeiría, informática, turismo, ciencias da vida (que abrangue, entre outras, bioloxía, medicina, biomedicina, bioquímica e botánica), así como o sector audiovisual.

COMBATIR O DESEMPREGO XUVENIL A TRAVÉS DA EXPERIENCIA FÓRA DE ESPAÑA

Gómez Besteiro destacou que o obxectivo deste programa «é que os mozos e mozas se formen en Europa pero volten ó país e triunfen no seu campo profesional», e suliñou que estas bolsas son unha «importante oportunidade» para completar a formación da mocidade que busca mellorar o seu currículo e aprender das experiencias laborais noutros países. Gómez Besteiro destacou tamén que «os bolseiros voltan a España cos coñecementos adquiridos e con maiores posibilidades de atopar traballo nas empresas», como recoñeceron Tamara Rubiños e Felipe Neira, dous bolseiros da primeira edición do programa Leonardo Da Vinci, e que destacaron ademais as vantaxes de aprender outros xeitos de traballar, ou as capacidades para desenvolverse que outorga a estadía no estranxeiro.

CARACTERÍSTICAS DAS BOLSAS E COMO SOLICITALAS

O titular provincial lembrou que a Deputación de Lugo é a única administración provincial de Galicia á que lle foron aprobados dous programas de becas diferentes, destinados a universitarios e a Formación Profesional. O programa conta cun orzamento de 309.000 euros, dos que a Unión Europea aporta o 70%. As estadías teñen unha duración de entre tres meses e tres meses e medio, durante os cales os bolseiros realizarán prácticas en empresas de Austria, Italia, Portugal, República Checa e Reino Unido. As bolsas Leonardo Da Vinci inclúen as 50 becas Lugojob, solicitadas pola propia Deputación, e as 20 Ticlugo, xestionadas pola fundación TIC. As Lugojob van dirixidas á mocidade lucense menor de 35 anos que conte cunha titulación universitaria nos últimos catro anos en materias relacionadas co medio ambiente, agroalimentación, gandeiría, pesca, informática, turismo e ciencias da vida, e que se atopen en desemprego. Pola súa banda, as bolsas Ticlugo están destinadas especificamente ós titulados da Escola de Imaxe e Son (EIS), sostida ó 100% pola Deputación. Os solicitantes teñen que ter rematados nos últimos tres anos os estudios de Produción de Radio, Audiovisuais e Espectáculos, ou de Realización de Audiovisuais e Espectáculos, na EIS, con prioridade ós que se atopen en desemprego ou non poidan acceder a este tipo de prácticas por razóns económicas. Os interesados poden obter máis información na web www.deputacionlugo.org, ou no teléfono 982 260 216, ou no mail becasleonardo@deputacionlugo.org. As bases da selección publicaranse en setembro, e a continuación abrirase o prazo para inscribirse. O proceso de selección será en outubro, e en novembro tramitarase a documentación para que os beneficiarios poidan partir en xaneiro ós seus destinos, onde permanecerán ata finais de maio ou principios de xuño de 2014.

FALAN DOUS BECARIOS DA ANTERIOR EDICIÓN DAS BOLSAS LEONARDO DA VINCI

•Tamara Rubiños, titulada en Socioloxía, conseguiu unha bolsa Lugojob na Universidade de Cork (Irlanda), onde colaborou no departamento de Criminoloxía durante a súa estadía como bolseira •Asegura que a experiencia lle serviu para saberse capacitada para desenvolverse.

•Felipe Neira foi beneficiario dunha bolsa TicLugo en Módena, onde traballou no departamento de marketing do Concello •Recoñece que aprendeu moito ó ter que adaptarse a un xeito diferente de facer as cousas •Anima á mocidade a participar no programa, porque a experiencia enriquece tanto persoal como profesionalmente

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Apoio provincial ás actividades deportivas en Monforte

Seguinte Nova

Club Lemos y Deportivo de A Coruña arrancaron la temporada

Últimas noticias sobre CULTURA

A %d blogueros les gusta esto: