O pasado 12 de xullo, a Deputación de Lugo aprobou a concesión de axudas económicas ós concellos da provincia para a prestación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) básico, por un importe total de 650.000 euros. Según precisaron os responsables provinciais, esta partida supón un incremento dun 27% sobre a contía adicada a este mesmo concepto en 2011, último ano no que se contou con aportación económica procedente da Xunta.
CRITERIOS OBXECTIVOS E MESA TÉCNICA CON RESPONSABLES DOS TRES PARTIDOS
O vicepresidente da Deputación e delegado da área de Benestar Social, Antonio Veiga, explicou que estas subvencións, correspondentes á anualidade de 2013, concedéronse en base a criterios obxectivos e nunha mesa técnica formada por representantes dos tres grupos políticos con presenza no ente provincial.
MÁIS DE 2.400 LUCENSES SEGUIRÁN A RECIBIR ESTE SERVIZO “A PESAR DA RENUNCIA DA XUNTA”
Deste xeito, todos os concellos lucenses agás Lugo recibirán axudas provinciais para o desenvolvemento deste servizo, que beneficiará a máis de 2.400 lucenses. Os responsables provinciais precisaron que será a Deputación quen garanta a estes usuarios a continuidade deste servizo “despois de que, un ano máis, a Xunta de Galiza deixara á marxe do convenio de servizos sociais e comunitarios á provincia de Lugo, negándose a negociar a súa cofinanciación con esta Deputación”, según precisou Antonio Veiga.
ANTONIO VEIGA: “O QUE BUSCA O PP É QUE O CUSTE DO SAF RECAIA NOS USUARIOS”
O vicepresidente provincial insistiu en que “o Goberno galego continua excluíndo aos concellos de menos de 20.000 habitantes dos seus plans de financiamento para a prestación de servizos sociais e comunitarios”, e criticou que “o Partido Popular é coñecedor da dificultade que para esta Deputación supón afrontar en solitario os gastos do Servizo de Axuda no Fogar”. Antonio Veiga foi máis alá, ó denunciar que “o que está buscando o PP é que o custe do servizo recaia nos usuarios, pero dende a Deputación trataremos de evitalo por todos os medios”.
GARANTIDO O SERVIZO DE TELEASISTENCIA DOMICILIARIA PARA OS VINDEIROS CATRO ANOS
Por outra banda, o 29 de xuño aprobouse en Xunta de Goberno da Deputación de Lugo a adxudicación do contrato do servizo de teleasistencia domiciliaria cunha duración de catro anos e cun custe anual de 335.880 euros. A empresa concesionaria foi Servizos de Teleasistencia S.A. A trascendencia desta contratación foi explicada polo vicepresidente provincial, quen cualificou este contrato como “un dos máis importantes na historia da Deputación en materia de benestar social, tanto pola contía como polos beneficios que reporta a centos de lucenses”. Veiga explicou que o 90% dos criterios que rexeron a adxudicación do servizo de teleasistencia domiciliaria foron económicos, e que se elixiu a oferta económica máis baixa por ser a única que permitirá incrementar o número de usuarios aos que se da servizo, pasando dos 1.593 actuais até preto de 2.200 usuarios. “Isto será posible grazas a que o custe por usuario será menor; diminuíndo de 21 euros a pouco máis de 14 euros e, ademais, para o segundo e terceiro usuario da mesma familia que queira adherirse ao servizo, este será gratuíto”. Veiga precisou que “a redución dos custes non repercutirá na calidade do servizo”.