Polémica entre institucións en torno ós GES

Graves discrepancias entre Deputación e Xunta de Galicia en este aspecto

Cos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES), financiados conxuntamente pola Xunta de Galicia e as Deputacións así como a FEGAMP, preténdese que Galicia conte por vez primeira con profesionais altamente cualificados para a cobertura de emerxencias.
Arquivo EC.

O proceso para a posta en marcha dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) na provincia de Lugo está a protagonizar a actualidade política, polas discrepancias entre a Deputación de Lugo e a Xunta de Galicia, os dous organismos que, xunto coa Fegamp (Federación Galega de Municipios e Provincias) deberán soster a financiación deste servizo a través do convenio de colaboración que teñen asinado.

“GRAVES RREGULARIDADES” NO PROCESO DE SELECCIÓN DE PERSOAL

A polémica comezou cando, logo de establecer a tres bandas as bases de contratación deste persoal, alcaldes e colectivos lucenses denunciaron ante a Deputación o incumprimento deste acordo en Guitiriz, Folgoso do Courel e Quiroga, o que motivou que o ente provincial esixise á Xunta a celebración dunha Comisión de Seguimento para esclarecer estos aspectos. Según explicou o deputado provincial e membro da Fegamp José Luis Raposo, as denuncias recibidas indicaban que o Concello de Guitiriz modificou as bases do proceso de selección de persoal, alterando os requisitos dos aspirantes e as puntuacións; así, baixaron a idade límite para aspirar ás prazas ós 16 anos, cando o convenio esixe ter cumpridos os 18. En canto ás puntuacións, e según os datos aportados dende o ente provincial, as irregularidades detectadas consistían en valorar cun máximo de 4,5 puntos o traballo desenvolto como persoal do GRUMIR ou en emerxencias municipais, cando no convenio o máximo eran 3 puntos, ou cun máximo de 0,5 puntos por cada ano na Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, cando o convenio establecía 0,5 puntos por cada mes neste servizo. En canto a Quiroga e Folgoso, as denuncias referíanse a que estes Concellos non celebraron un concurso oposición, senón un concurso de méritos, e no caso de Folgoso do Courel denunciouse que a Alcaldesa contratou á súa propia irmá, e a un primo carnal do seu marido e a outras persoas afíns ó Partido Popular que estiveron xa traballando noutras ocasións para o Concello. Asimesmo, os tres concellos mencionados non cumpriron, según as denuncias presentadas, os prazos fixados pola Xunta de Galicia para a selección de persoal. Por estes motivos, trala celebración da Comisión de Seguimento a mediados de xullo, José Luis Raposo denunciou que a Xunta de Galicia “permitira e avalara” o que interpretou como “anomalías” no proceso selectivo, e que non esixira a súa rectificación senón que tratara “desesperadamente de xustificar a estes Concellos”. En consecuencia, o deputado provincial comunicou que “mentres estes tres municipios non rectifiquen e non axusten as súas actuacións literalmente ó texto do convenio asinado por Xunta, Fegamp e Deputación de Lugo”, o ente lucense non aportará as achegas correspondentes, “porque non están cumprindo coa legalidade, pero tamén para non discriminar ós Concellos que si cumpren e actúan conforme ó acordo”.

POSTURA DO CONCELLO DE QUIROGA ANTE ESTA POLÉMICA

A raíz destas declaracións, o alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, emitiu un comunicado de prensa onde se amosou “sorprendidísimo ó enterarme polos medios de comunicación de que o Concello que presido convocara un concurso para cubrir as prazas dos GES de Quiroga”, e desmentiu tal feito. Álvarez afirmou que “os socialistas provinciais teñen un mal informador en Quiroga”, e criticou a “sempiterna incontinencia verbal” do portavoz socialista na Deputación lucense. No seu comunicado, Julio Álvarez lembrou que o Concello de Quiroga dispón “dende hai moitos anos” dos GRUMIR, postos en marcha en Galicia precisamente na súa etapa como presidente da Fegamp, “e que a día de hoxe seguen a funcionar en Quiroga”. En canto ó persoal deste servizo, Álvarez precisou que está contratado a través do Programa de Cooperación da Xunta de Galicia, “como en todos os concellos”, e parte deste persoal se mantén con fondos propios, uns meses como voluntarios e outros como contratados, “dependendo da situación económica do Concello”. Asimesmo, o rexedor quirogués precisou que o Concello de Quiroga “non firmou ningún convenio coa Deputación e a Xunta para o famoso GES”, senón que o que fixo “foi adherirse a un convenio da Fegamp”, ó que se aterán a todos os efectos “cando nos expliquen qué é o que hai que facer cos GRUMIR saíntes”, e garantiu que “as contratacións se realizarán igual que sempre se fixeron neste Concello, coa lei na man”.

MÁIS DENUNCIAS

Por outra banda, José Luis Raposo denunciou ademais que a acta da primeira Comisión non recollera “literalmente” o acordo para suspender a selección de persoal no Courel e a paralización dos procesos de Guitiriz e Quiroga. Raposo criticou ademais outra eiva da Comisión de Seguimento “que tamén tumbou a Xunta”, e que se refire ó incumprimento da regra básica de paridade entre institucións na composición desta Comisión, “perxudicando á Deputación”, e apuntou a que esta desigualdade podería invalidar todo o acordado por este órgano. Raposo lembrou ademais que a Comisión non ten potestade para tomar decisións, “senón para interpretar o convenio ou velar polo seu cumprimento”.

RESPOSTA DA XUNTA DE GALICIA

En relación a esta polémica, a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, afirmou que “é rotundamente falso que a Xunta e a Deputación de Lugo acordaran paralizar o proceso de selección de persoal dos GES”. Arias explicou que o proceso selectivo é responsabilidade dos Concellos, “e por suposto dende a Xunta non imos tolerar ningunha irregularidade”, e salientou que na Comisión de Seguimento “por abrumadora maioría dos seus membros se estimou que o procedemento que seguen os Concellos de Quiroga e Guitiriz é correcto”. No caso de Folgoso, Arias explicou que “non se está seleccionando persoal para o GES, senón para dispoñer dun equipo de emerxencias do propio Concello”, que funcionará en tanto non se poña en marcha o GES. •

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

Club Lemos y Deportivo de A Coruña arrancaron la temporada

Seguinte Nova

Monforte levou a nosa música e o noso folclore ó festival Europeade

Últimas noticias sobre GALERÍA

Ir aInicio