Programa Conciénciate: saúde e lecer entre veciños para darlle vida ós anos

A Pobra do Brollón, pioneira no desenvolvemento deste programa

•Ximnasia de mantemento, talleres de memoria e manualidades, son as principais actividades, aínda que tamén hai grupos de informática •Dous días por semana, desenvónvense as actividades en 12 locais sociais do municipio •Estas sesións funcionan tamén como punto de encontro entre os veciños •Os participantes valoran a axilidade e o benestar que lles aportan estas actividades, así como a posibilidade de manterse activos e con vida social

Algúns dos participantes na sesión de ximnasia de mantemento do local social de Saa, en A Pobra do Brollón, posan co seu monitor. EC.

Galicia é terra de pequenas aldeas, núcleos dispersos que onte latexaban de vida pero que o ritmo dos tempos modernos vai deixando esmorecer. Os pequenos concellos lucenses debúxanse con esta xeografía, cun horizonte onde o envellecemento e a distancia parecen as cores dun triste ocaso. Pero nas aldeas de A Pobra do Brollón decidiron reivindicar o amencer de cada día, e os maiores das parroquias deste municipio disfrutan dunha oportunidade singular e atractiva para romper as fronteiras da cociña e da horta e botar un pé de leria cos veciños, ó tempo que se manteñen en forma para volver á casa máis despertos e lixeiros do que marcharon. Opinións como estas pódense escoitar durante as sesións do programa Conciénciate, unha iniciativa que ven desenvolvendo o Concello de A Pobra do Brollón dende hai tres anos co apoio da Área de Benestar da Deputación de Lugo, e que cada día ten máis seguidores.

UN PROGRAMA PIONEIRO “CO QUE MELLORAMOS TODOS”

“Cando empezamos coas actividades do programa Conciénciate, fomos parroquia por parroquia informando en persoa, e tamén por carta, ós veciños das características destas actividades”, comenta Mónica Carballo, coordinadora do programa e monitora dos talleres de memoria, quen recoñece que “ó principio tardaron un pouco en arrancar, eran reacios a apuntarse, pero cando probaron e empezaron a seguir as actividades animábanse uns ós outros”. A fórmula que ofrecía o programa Conciénciate amosouse interesante para a veciñanza máis veterana; ninguén como eles para valorar o que se nota cando a un lle doen as mans ou ten problemas para moverse, ou cando parece que un día é igual ó do mes pasado. “As horas de ximnasia non as perdo por nada”, confesa contundente Emilia Macía Fernández, veciña da parroquia de Saa e embaixadora entusiasta dos beneficios do programa Conciénciate. “Ás veces non podía nin abrir as mans, e con esta ximnasia espabílanse e noto moita máis axilidade”, recoñece Emilia, que de pequena foi á escola “que a tiñamos debaixo da nosa casa” e valora por iso a importancia de non perder os recordos e, se se pode, aprender cousas novas.

REFRÁNS, CANCIÓNS DE ANTES E XOGOS DE PALABRAS PARA A XIMNASIA DA MEMORIA

“O taller de memoria axúdame a revivir o que aprendín de pequena”, explica Emilia, que participa moi activamente nos exercicios de estimulación cognitiva. “No taller de memoria facemos exercicios de escritura a través de pasapalabras, palabras encadeadas, sopas de letras, crucigramas ou ordenación de palabras”, explica Mónica Carballo, que imparte estes talleres. “Tamén lles propoño refráns, e eles van dicindo os que recordan”, pois o taller de memoria funciona como un túnel no tempo “no que contan recordos ou incluso póñenlle música a cancións que se lle propoñen e tamén as bailan”. Este clima de colaboración e compañeirismo é moi agradecido polos participantes. “Levámonos moi ben entre todos, ademais de facer a ximnasia e as tarefas do taller de memoria, aproveitamos para celebrar os cumpleanos, e traemos doces e algo de beber”, suliña esta veciña de Saa, quen destaca o importante que son as actividades do Conciénciate na súa axenda semanal. “Agora nos pobos non hai con quen falar, e se houbera máis horas, viría”, sentencia Emilia, quen non dubida en opinar polos compañeiros: “Con estas clases temos máis axilidade, melloramos todos”.

Algúns dos participantes no taller de memoria en Saa comezan os exercicios. EC.

XIMNASIA: UNHA AMIGABLE POSTA A PUNTO CON MOITOS ADEPTOS

Cun mínimo de dous días por semana en cada un dos 12 locais sociais onde se agrupan os participantes según o punto que lles quede máis próximo á súa vivenda, o programa Conciénciate contempla actividades para o benestar físico e psíquico dos nosos maiores. A ximnasia de mantemento, unha actividade que xa ofrecía o Concello antes da implantación do Conciénciate, é o máis demandado pola veciñanza. Marcos Alves, o profesor de ximnasia que coordina as sesións, está encantado co seu alumnado; “son moi agradecidos e voluntariosos”, precisa Alves, “e bastante constantes”. Só as actividades agrícolas ou, nalgúns casos, os días de feira, son capaces de frear a estes disciplinados participantes. “Sorpréndeme que aínda con limitacións físicas acuden a todas as clases, e comentan que lles vai ben, que se sinten máis frescos”, suliña Marcos Alves. “Ademais de mobilidade, as clases lles fan saír da rutina de todos os días”, precisa o profesor de ximnasia.

AS MULLERES, MÁIS PARTICIPATIVAS NO PROGRAMA CONCIÉNCIATE

Esta disciplina amigable non ten nada de descuido; Marcos Alves asegúrase de que ninguén se durma, pero que tampouco se manque. “Temos en conta o estado físico de cada un, e traballamos con aparatos, pelotas medicinais, steps, mancuernas e pelotas de fitness, con exercicios de tonificación de brazos e pernas, según os días”, explica Alves, que dirixe ó detalle o traballo con grupos de 10 e ata 20 persoas en cada local social, con presencia maioritaria de mulleres. “Os homes son máis reacios”, comenta o profesor de ximnasia, “se cadra por vergoña, por verse nun grupo mixto que lles cohíbe”, pero cando proban as vantaxes da ximnasia de mantemento non perden unha clase. Este é o caso de José Antonio López Parada, un veciño xubilado da parroquia de Saa que acude puntualmente ás sesións “porque vin que me era bo”. José Antonio acude ás clases de ximnasia e ó taller de memoria, o seu favorito, “porque revivo cando era máis novo”, explica este veciño que leva dous anos vinculado ó Conciénciate. “Veño primeiro por estar cos compañeiros, é agradable”, suliña José Antonio, “e tamén porque cos exercicios no día a día se encontra un mellor”.

AS EXCURSIÓNS E AS VISITAS MENSUAIS Ó BALNEARIO COMPLETAN O PROGRAMA CONCIÉNCIATE

Darlle vida ós anos é o obxectivo de todas estas actividades, que se complementan máis aló dos locais sociais; o programa Conciénciate inclúe diversas excursións ó longo do curso, como a que no mes de xuño realizaron un grupo de 85 veciños a Allariz. “As excursións están moi ben”, explica Emilia Macía, “porque saír da casa é moi bo”, completa José Antonio López. Este mesmo espíritu é o que se percibe nas saídas que, unha ou dúas veces ó mes, realizan os participantes do Conciénciate ó Balneario de Augas Santas, en Pantón. “A xente está moi contenta con estas saídas”, precisa a coordinadora Mónica Carballo.

INFORMÁTICA PARA IR COS TEMPOS, PERO SOBRE TODO SENSIBILIDADE PARA MELLORAR A VIDA DOS NOSOS MAIORES

E como do que se trata é de vivir unha “segunda xuventude” ou, polo menos, non perder o tren da vida para non ser vello antes de tempo, o programa Conciénciate activou este ano unha clase de informática, na que se apuntaron 51 persoas. “A maior parte dos maiores que viñeron non tiñan nin idea, foi complicado que asimilaran o funcionamento do rato para traballar na pantalla do ordenador”, explica Mónica Carballo. “Empezamos dende cero, cun planteamento bastante básico do curso, e agora estamos entrando en internet, que é algo que lles chama moitísimo a atención”, suliña a coordinadora do programa. Este achegamento ás novas tecnoloxías non é unha frivolidade ou algo extraordinario, senón que para os veciños pode converterse nunha útil ferramenta; “xa que dende o Concello estamos a traballar na administración electrónica para facer todo tipo de xestións, no Conciénciate tiña que haber informática, para que a xente poidera achegarse a este novo mundo das tecnoloxías e sacarlle partido”, explica o alcalde de A Pobra do Brollón, José Luis Maceda, que ademais de asumir as vantaxes de internet, valora aínda máis “a sensibilidade” amosada pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo para poder defender coa súa financiación nestes tres últimos anos este programa social. “A verdade é que está funcionando moi ben”, precisa Maceda, “e vémolo na participación da xente, e no interés que poñen cando cada ano nos veñen preguntar se van ter actividades”. “Esperamos poder dicirlles que sí moitos anos máis, porque penso que este programa fai moito ben”, suliña.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Viño e románico, principais atractivos para os visitantes da comarca de Lemos

Seguinte Nova

Sarria, punto de encontro de Galicia con Europa

Últimas noticias sobre GALERÍA

     
A %d blogueros les gusta esto: