•Os socialistas lembran que en anteriores etapas de goberno este espazo limpábase todos os anos antes do verán •Denuncian que a suciedade acumulada neste céntrico espazo ofrece unha “imaxe inaceptable” para veciños e visitantes
O voceiro do grupo socialista no Concello de Monforte, José Tomé, ven de presentar unha moción ó vindeiro Pleno municipal para esixir que o Goberno local proceda á limpeza da lagoa do Parque dos Condes, que presenta diversos tipos de suciedade así como un aumento da vexetación acuática. Según explicou Tomé, esta situación é debida a que o río Malloadas trae un caudal baixo, o que produce que a auga da lagoa se estanque e, coa acumulación de algas e restos de diversa naturaleza, se formen costras superficiais “que ofrecen unha imaxe inaceptable para os veciños de Monforte e para os que nos visitan”.
ACTUACIÓNS “URXENTES POLA ÉPOCA DO ANO NA QUE ESTAMOS”
José Tomé aproveitou para lembrar que “habitualmente noutras etapas de goberno”a lagoa do Parque dos Condes limpábase antes da chegada do verán, actuando sobre os lodos do fondo do cauce como sobre a vexetación dos laterais, “e mesmo se repoboaba con troitas”. Neste sentido, Tomé considera “urxente pola época do ano na que estamos” que o Goberno local realice varias actuacións no tramo comprendido entre a Praza Fontecha e o río Cabe. Así, dende o grupo socialista esixen a limpeza da suciedade na superficie da lagoa e nos fondos, “polo menos na parte menos profunda e máis próxima á rúa”.
POSTA EN MARCHA DO BOMBEO DE AUGA QUE XA HAI INSTALADO
Para que esta limpeza sexa completa, José Tomé plantea no texto da moción presentada a Pleno que se poñan a funcionar as bombas que se instalaron cando se fixo a obra e que foron reparadas con posterioridade para bombear auga dende o río Cabe ata debaixo da Ponte, “como se facía outros anos”, de xeito que se xere unha corrente de auga. As bombas estarían renovando a auga durante dúas horas pola maña e pola tarde, evitando así o depósito de suciedade e a formación de algas por estancamento, ata que remate o mes de agosto e a época de calor. Por último, os socialistas piden a posta en funcionamento da Fonte somerxida na Lagoa “en varios momentos do día, polo menos durante as fins de semana do verán e tamén durante todos os días das Festas patronais, para dar unha mellor imaxe dese entorno urbano”.