Sarria, punto de encontro de Galicia con Europa

Rematou a celebración da XV edición do Irmandamento Sarria-Guerlèdan

A organización quixo destacar a dimensión xacobea de Sarria, invitando ós visitantes bretóns a unha conferencia sobre o profundo europeísmo do Camiño Francés

A conferencia titulada “O papel do Camiño de Santiago na construción de Europa”, organizada pola Asociación Irmandade Sarria-Guerlèdan, reuniu na Casa da Cultura de Sarria a expertos mundiais sobre a dimensión europea da ruta xacobea. EC.

A Asociación Irmandade Sarria-Guerlèdan celebrou por todo o alto o decimoquinto ano de irmandamento entre a nosa vila e a cidade bretona. Un grupo de 40 persoas procedentes da contorna de Mûr, na Bretaña francesa, visitaron Sarria a mediados de xullo, e a súa estancia xirou en torno a un intenso programa de actividades, deseñado pola Asociación sarriá.

PHILIPPE RENAUD: “A CLAVE DO IRMANDAMENTO NON É O TURISMO, SENÓN A NECESIDADE DE COMPRENDER CÓMO VIVE A XENTE, O CONTACTO HUMANO”

Ademais de diversas excursións a lugares significativos de Galicia e da nosa provincia, os visitantes bretóns puideron coñecer de cerca os nosos costumes, o noso xeito de vivir, ó estar aloxados en familias voluntarias que tamén participaron nas actividades. Según explicou Philippe Renaud, presidente da asociación Jumelage Guerlèdan-Sarria, “esta viaxe é algo máis ca turismo, a xente o que quere é saber cómo se vive aquí, como se afronta, por exemplo, a crise agora mesmo”. Renaud insistiu en que “aínda que o que máis gustou das viaxes foron as Rías Baixas”, e que o feito de vir en ferry dende Saint-Nazaire ata Xixón abarata “bastante” o custe da viaxe, “a xente segue a participar no irmandamento por algo máis que por viaxar, é por algo máis profundo, polo contacto humano”, o que explicaría, según Renaud, “que esta iniciativa se manteña quince anos despois, cando moitas ideas parecidas xa hai tempo que esmoreceron”.

A expedición bretona despediuse de Sarria nunha cea celebrada no Hotel Alfonso IX. (Foto: Asociación Irmandade Sarria-Guerlèdan).

EUROPA, XACOBEA DENDE A MÉDULA

A importancia do factor humano nesta iniciativa de irmandamento está moi vinculada ós valores que marcan a filosofía do Camiño de Santiago e, máis aló, á propia configuración de Europa. Porque o irmandamento pon en relación a dous pobos diferentes, con idiomas distintos, pero unidos por un anceio de solidaridade, coñecemento e integración dende a diversidade. Para recoller este espíritu, e dado que Sarria non pode entenderse sen o Camiño Francés, a organización do irmandamento traballou arreo para regalar ós visitantes cunha interesante mesa redonda en torno ó papel do Camiño de Santiago na construcción de Europa, e reflexionar así, da man de expertos de primeiro nivel, sobre os vínculos que o Camiño Francés estableceu entre as diversas nacionalidades europeas, como eixo fundacional do espíritu de Europa. A ilustrativa mesa redonda celebrada na Casa da Cultura de Sarria o pasado 15 de xullo supuxo toda unha lección de europeísmo, cultura e entendemento entre os pobos. O diplomático, eurodeputado polo Partido Popular, e presidente do Intergrupo dos Camiños de Santiago en Europa, Francisco Millán Mon, explicou como os valores sobre os que se asenta Europa correspóndense cos do Camiño; perdón, solidaridade, liberdade, esperanza e reconciliación determinaron unha Europa que rexurdiu con forza logo das terribles guerras mundiais, tratando de superar as diferencias lingüísticas, económicas e sociais nun traballo conxunto que aínda hoxe se está a completar. Pola súa banda, José Antonio de la Riera, presidente da Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago, reflexionou sobre o feito de que o Camiño era “pura arqueoloxía, pobos abandoados” a comezos do século XX, e logo duns anos, alá pola década dos 50, a ruta xacobea sae deste “silencio ominoso” para eclosionar con forza a mediados dos anos 80 e ata os nosos días. De la Riera, logo de destacar o papel fundamental das asociacións de amigos do Camiño e a súa “labor continua e poucas veces recoñecida”, gabou a figura de Elías Valiña, o cura do Cebreiro inventor das agora universais frechas amarelas do Camiño, como impulsor da ruta. Asimesmo, De la Riera apuntou que non foi a promoción nin as modas o que botou a andar de novo á xente, senón o feito de que “unha sociedade en crise como foi a da fin do milenio atopou no Camiño unha ferramenta de búsqueda interior e liberdade”. Asimesmo, Manuel Rodríguez, xornalista e técnico da Sociedade de Xestión do Xacobeo, destacou “a dimensión europea” do Camiño, xa que sen ela “sería unha simple romería dun só día”, ó tempo que lembrou que foi en Francia onde se retomou o interés pola ruta, e onde se fundou a primeira asociación de amigos do Camiño, en 1950.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

Programa Conciénciate: saúde e lecer entre veciños para darlle vida ós anos

Seguinte Nova

I CERTAMEN DE PINTURA ÁNGELA LÓPEZ CASTRO

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

Ir aInicio