Na tardiña do domingo 11 de agosto comezarán os actos festivos, que se concentran na tradicional cita do día 12

Sober ensalzará o seu doce máis típico os días 11 e 12 de agosto. Na tardiña do domingo 11, abriranse os stands ás nove e inaugurarase na Oficina de Turismo a exposición de pintura de Ar Ciurluini, que poderá visitarse todo o mes.
DEGUSTACIÓNS GRATUÍTAS DE ROSCA OS DOUS DÍAS
A música tradicional terá o seu espazo dende as dez e media, coa actuación do grupo folk Tornaxeira de Valdeorras, que volverá actuar ás once e media da noite, trala degustación gratuíta de rosca de Sober con licor café, que comezará ás once.
Xa o luns, o propio día da Feira da Rosca, as bombas de palenque darán comezo á xornada festiva ás dez da mañá, e ás dez e cuarto abriranse os stands de venda de rosca e produtos da zona. O grupo de música tradicional Buxaina de Palas de Rei amenizará a mañá coa súa actuación das once e media, e á unha da tarde terá lugar o acto central da Feira, coa degustación gratuíta de 1.000 racións de rosca de Sober con queixo. Veciños e visitantes disfrutarán do sabor deste doce amenizados pola música tradicional do grupo Buxaina de Palas de Rei.