O Technosil, que se celebrará o día 17, está a crear moita expectación nas redes sociais
Todo listo en San Clodio para celebrar as Festas Patronais, do 14 ó 17 de agosto. Como o ano pasado, o calendario festivo non inclúe os fogos artificiais, xa que, como explica o concelleiro de Cultura Roberto Castro, “os 10.000 euros que aforramos suprimindo o espectáculo pirotécnico se destinan integramente ós servizos sociais, tralo recorte brutal da Xunta, que pasou de achegar 20.000 euros hai dous anos a non aportar nada nin o ano pasado nin este”. Por este motivo, dende o Concello de Ribas do Sil optaron por suprimir os fogos tamén este ano, “con gran pesar, porque sabemos que gustan moito”, fronte á alternativa que propoñían algúns veciños de suprimir un día de festa. “Entendemos que aforramos máis quitando os fogos que quitando un día de festa, porque isto ademais baixaría os beneficios que dan as festas para o pobo”, explica Castro. Este afán por ofrecer o mellor programa ó mellor prezo, presentando actividades para todos os públicos e onde haxa cabida para o deporte, a música, a infancia e a xuventude foi a liña de traballo da comisión de festas liderada por Roberto Castro González, concelleiro de Cultura, e Indalecio López Díaz, concelleiro de Participación Cidadá, ó longo de quince anos. Castro reclama que a xuventude “vaia tomando o relevo nesta comisión”, e parece que a súa mensaxe vai calando entre os máis novos. Este ano incorporouse á Comisión organizadora José Manuel Rodríguez Sanmartín, un xoven veciño de San Clodio que ven de aportar o traballo organizativo para unha das novidades das Patronais, o Technosil. Este Primeiro Festival de Música Techno de Ribas do Sil “está a crear moita expectación nas redes sociais”, polo que se espera unha boa afluencia de xuventude para o 17 de agosto.
INAUGURACIÓN DO NOVO CONCELLO
Ata ese día, as Festas de San Clodio ofrecerán todos os días unha verbena con orquestra, a tradicional procesión trala misa do día 15, xogos infantís na Praia Fluvial na mañá do día 16, e a inauguración do novo edificio da Casa Consistorial, ese mesmo día ás oito da tarde, xusto antes da representación de teatro cómico a cargo do grupo Raiolas.
DÍA DA XUVENTUDE
Ademais do Technosil, que comeza ás oito da tarde, o día 17 está cheo de actividades para os máis novos. Na mañá, e ata as 13,30, e pola tarde das 17,30 ás 20 horas, haberá inchables variados na Praia Fluvial, coa visita, pola tarde, de Bob Esponja. Ás cinco terá lugar a XIX Subida ciclista a Torbeo, patrocinada por Adegas Val de Quiroga. A xornada pechará tarde, xa que o Technosil, que se celebrará na Praza do Concello, promete alongarse ata altas horas da madrugada.