Monforte celebra as súas Festas Patronais

Actividades para todos dende o 11 ó 16 de agosto

Os primeiros días do agosto monfortino ofrecen imaxes como a da foto superior, coas terrazas da rúa Cardeal cheas de veciños e visitantes, dispostos a dar a benvida ás Festas Patronais. EC.

Do 11 ó 16 de agosto, Monforte de Lemos celebrará as Festas Patronais cun programa de actos que ofrece actividades e lecer para todos os públicos.

XOGOS DE RÍO PARA ABRIR AS FESTAS

A partir das tres da tarde, e ata as oito, o río Cabe será o esceario do primeiro evento das Patronais. O entorno fluvial acollerá os Xogos de Río, unha iniciativa organizada pola Deputación de Lugo que inclúe xogos acuáticos como paddle surf, sea scooter, bolas acuáticas, canoas e patinetes acuáticos. A continuación, ás oito e media da tarde, terá lugar a lectura do pregón dende a Casa do Concello de Monforte de Lemos, este ano a cargo do monfortino Ramón Casanova. Xa ás nove da noite, procederase ó lanzamento do foguete que anuncia o comezo oficial das Festas Patronais, dende o Campo de San Antonio, e a continuación prenderase a iluminación festiva.

ROCK’N LEMOS FESTIVAL NA NOITE DO DÍA 11

A noite será o espazo para a música, nesta ocasión a ritmo de rock. A partir das dez, comezará no Parque dos Condes o Rock’n Lemos Festival, coa actuación dos grupos monfortinos The Poet’s Silence e Perpetual Twilight, ademais de Bastards on Parade e Arizona Baby. A música sigue ás 11, na Praza de España, co concerto da Banda de Saxos de Redondela.

FESTIVAL CÓMICO POLAS RÚAS, FESTA BAILE PARA OS MAIORES, PANDEREITEIRAS E FESTA-VERBENA CON ORQUESTRAS

O luns 12 de agosto comezará coas alboradas a cargo do Grupo de Gaitas Municipal, dende o mediodía, e á unha xuntaranse cos Cabezudos no centro da cidade. Tamén dende as doce do mediodía desenvolverase o I Festival Cómico-Festivo “A rúa é vosa”, no que o a compañía de teatro ambulante Os cómicos dell auto, inspirados na Commedia dell’arte, achegarán unha serie de pezas deste rexistro, adaptadas ás situacións modernas, dende o seu impresionante vehículo, con dous espectáculo de mañá e tarde. A música tradicional terá o seu espazo dende as oito e media, co percorrido que realizarán polo centro da cidade, saíndo dos Chaos, o grupo de pandereiteiras da Asociación Cultural Amigos da Pandeireta de Monforte. A noite seguirá sendo musical, coa celebración, a partir das nove, dunha festa-baile adicada ós nosos maiores na Praza de España, amenizada polo dúo musical Bandoneón. A Compañía acollerá, dende as dez, a festa-verbena a cargo das orquestras-espectáculo Gran Atlanta e Trébol.

PASARRÚAS, HAPPENING CÓMICO NAS RÚAS, PALLASOS E VERBENA GALEGA

A mañá do martes día 13 comezará coas alboradas e pasarrúas dende as doce por todo o centro urbano. O teatro cómico ambulante comezará tamén ás doce, dentro do I Festival Cómico-Festivo “A rúa é vosa”. O espectáculo do día será un happening, no que unha clown muda misteriosa ofrecerá con humor e sutileza un retrato crítico de certos clichés construídos socialmente ó redor do universo feminino. Haberá un intervalo musical entre as dúas representacións teatrais a cargo da Charanga Unión Monfortina, e á unha da tarde, Musicoloco ofrecerá un espectáculo teatral na Praza de España. Xa pola tarde, o teatro de rúa volve en plena forma, cun espectáculo a cargo dunha pallasa e centrado no deporte e as situacións fóra do cotiá. Tralos pasarrúas da Charanga Unión Monfortina, ás nove da noite Musicoloco fará outro pase do seu espectáculo. Ás dez da noite comezará a verbena galega na Compañía, con cinco horas de música tradicional, pachanga galega con orquestras de baile e picadiscos. Pechará a xornada a Banda de Música de Monforte, ás once, na Praza de España.

MAXIA, ESPECTÁCULO CIRCENSE E VERBENA

Alboradas e pasarrúas iniciarán o mércores 14, e ás 12 o Mago Migueliño, dentro do I Festival Cómico-Festivo, desenvolverá os seus divertidos trucos na Praza de España. O Cardeal acollerá á unha da tarde o espectáculo de circo e música de Ringo Rango, tamén dentro do Festival de teatro. A tarde acollerá outra actuación de ambos artistas; o Mago Migueliño realizará un novo espectáculo ás oito no Cardeal, e Ringo Rango sorprenderá con novos números ás nove na Praza de España. Entre ambos, actuarán polo centro urbano o grupo de Pandereiteiras da Asociación Amigos da Pandeireta de Monforte. A verbena do mércores na Compañía comezará ás dez da noite, a cargo das orquestras-espectáculo Compostela e Principal. A Banda de Música de Antas de Ulla dará un concerto na Praza de España dende as once.

DÍA DO GAITEIRO, BARCAS ENGALANADAS E FOGOS ARTIFICIAIS O XOVES 15

Vinteunha bombas de palenque anunciarán, o xoves 15 de agosto ás nove da mañá, o inicio do día grande das Festas Patronais. Ás dez, a comitiva de autoridades sairá cara San Vicente dende o Campo de San Antonio para realizar a ofrenda floral á Virxe de Monserrat, patroa da cidade, na igrexa de San Vicente do Pino. Ás doce, a Banda de Gaitas Municipal ofrecerá un concerto na rúa Cardeal. O xoves acollerá tamén o Día do Gaiteiro, que comezará ás once coa saída, dende a Praza de España, de oito grupos de gaiteiros procedentes de toda Galicia, que intepretarán alboradas polo centro urbano ata a unha da tarde. Neste mesmo punto concentraranse grupos de música tradicional, que interpretarán as súas composicións ata as tres. Xa pola tarde, tralos pasarrúas, ás oito e media celebrarase na Praza de España a Mostra de Danza e Música Tradicional, coa participación de catro grupos locais. Ás dez, comezará na Compañía a festa-verbena coas orquestras Los Players e Delirio. Ás once, comezará o percorrido das Barcas Engalanadas dende o Malecón, e ás doce iniciarase o espectáculo de fogos artificiais dende o monte de San Vicente.

CABEZUDOS, MAXIA E HUMOR NO TEATRO DE RÚA, E VERBENA NA PRAZA DE ESPAÑA

O último día das festas sacará á rúa os Cabezudos con pasarrúas ás doce da mañá, voltará o I Festival Cómico-Festivo con maxia ás 12 na Praza de España, e con humor á unha da tarde no Cardeal, con outro pase ás oito e nove da tarde, respectivamente. A Praza de España acollerá a última festa-verbena, coa actuación, a partir das dez da noite, da orquestra Los Trovadores e o grupo Canela.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

Arte, música tradicional e degustación na XVIII Feira da Rosca de Sober

Seguinte Nova

As Patronais de San Clodio sorprenden cun festival de música electrónica

Últimas noticias sobre CULTURA

PROGRAMA LUGOTERMAL 2024_2025

A Deputación abrirá o prazo de inscrición ás 09:00 horas do luns 02.12.2024 da nova edición do LugoTermal, con máis de 1.700 prazas. 
Ir aInicio