Os veciños da provincia disporán de 2 millóns de euros para mellorar o seu entorno

O Plan provincial de Comunidades Veciñais arrinca con novas actuacións

•A Deputación de Lugo aprobou a finais de xullo a financiación de 243 novas obras •O ente provincial asume a totalidade dos custes •Arranxos de accesos rurais, melloras en locais sociais, arranxo de traídas de auga ou dotación de espazos verdes constitúen a maioría das obras deste Plan

Os veciños de Morade Pequeno, na parroquia monfortina de A Penela, poderán sacar máis partido do local social logo da reforma acometida grazas á aportación do Plan de Comunidades Veciñais 2012. EC.

O día a día nos pequenos núcleos poboacionais das nosas parroquias depende moito do bo estado dos camiños e pistas de acceso, das acometidas do suministro de auga e dos espazos comúns que pertencen a todos e nos que se desenvolve a vida social destes lugares. Manter en bo estado estes elementos resulta clave para favorecer a habitabilidade do noso rural, e frear así o despoboamento. Para levar a cabo estas melloras, o Plan de Comunidades Veciñais da Deputación de Lugo financia o cen por cen dos custes das obras que son solicitadas polos veciños dos 67 concellos da provincia, respondendo ás súas demandas ó tempo que aforra cartos a uns Concellos cun orzamento cada vez máis axustado.

81 ACTUACIÓNS NO SUR DE LUGO PARA 2013, ÁS QUE SE DESTINA MÁIS DE MEDIO MILLÓN DE EUROS

Este ano poderán realizarse un total de 243 obras, espalladas por todos os municipios da provincia, e que o ente provincial acaba de aprobar dentro do Plan de Comunidades Veciñais 2013, cun orzamento total de 2 millóns de euros. Na comarca de Terra de Lemos foron 31 as actuacións aprobadas, cunha achega total de 214.400,02 euros, mentres que na comarca de Sarria foron 32 as solicitudes incluídas no Plan, cunha aportación total de 220.075 euros. Asimesmo, a comarca de Chantada contará con sete novas actuacións deste Plan, cunha aportación total de 74.968,63 euros, e a comarca de Quiroga disporá de 74.005,54 euros para un total de once proxectos.

O aproveitamento do espazo coñecido como a Aira do Concello, na parroquia de Salcedo, en A Pobra do Brollón, para zona de xogos e lecer dos máis cativos levouse a cabo a través dunha achega do Plan de Comunidades Veciñais 2012. EC.

ABONADO O 97% DAS SUBVENCIÓNS DO PLAN DE 2012

En canto ó Plan de Comunidades Veciñais de 2012, a Deputación de Lugo xa abonou o 97% das subvencións concedidas, estando á espera de recibir a documentación xustificativa das 12 derradeiras obras para liquidar dita anualidade. En canto ó numero de actuacións, o sur de Lugo contou con 71 proxectos aprobados no Plan de Comunidades Veciñais 2012, sendo 31 da comarca de Sarria, 24 de Lemos, 9 da comarca quiroguesa e 7 da de Chantada.

APROVEITAMENTO DE ESPAZOS PÚBLICOS BALEIROS

Os resultados destes traballos cambiaron a faciana do entorno dos núcleos rurais, respondendo ademais a unha demanda xurdida da veciñanza. Este é o caso do arranxo da Aira do Concello, un espazo público situado na parroquia de Salcedo, en A Pobra do Brollón. O proxecto presentouse ó Plan de Comunidades Veciñais 2012 cando a asociación de veciños detectou a necesidade de ofrecer un espazo lúdico ós nenos e nenas da aldea, «sobre todo as fins de semana», según explicou no seu día Alberto González, presidente da asociación de veciños de Salcedo. «Pensouse en habilitar a Aira do Concello como parque infantil», explicaba González, aínda que tamén quedou espazo para instalar alí mesmo un parque biosaludable, completando o uso de lecer deste solar, para o que o Plan aportou un total de 11.250 euros.

ACONDICIONAMENTO DE ESPAZOS COMUNITARIOS PARA USO DOS VECIÑOS

Unha das solicitudes máis frecuentes no Plan de Comunidades Veciñais refírese á mellora dos locais sociais das parroquias. Tendo en conta a dispersión poboacional dos núcleos rurais, dispoñer dun local onde realizar xuntanzas veciñais ou calquer outro acto colectivo resulta de gran utilidade. Así o recoñece José Luis Losada, veciño da parroquia monfortina de A Penela, en referencia ó acondicionamento do local social do núcleo de Morade Pequeno, que contou cunha achega deste Plan de 9.500 euros. «Estas obras son as que máis lles aproveitan ós veciños», explica Losada, que precisa que xa levan arranxado «unha pista e un camiño» na súa parroquia gracias ó Plan de Comunidades Veciñais. José Luis Losada agradece que «a Deputación teña dende hai uns anos moita máis atención ós veciños ca había antes». «Eu son unha persoa maior, e antes non se sabía nin que había estas axudas», precisa Losada, quen insiste en que «estas axudas da Deputación que hai nos últimos anos axudan moito, está todo máis coidado nas aldeas». •

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Éxito do VII Campus de Fútbol Cidade de Monforte

Seguinte Nova

A Xunta aprobou obradoiros de emprego para Sarria, Sober, O Saviñao e Pantón

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: