Quiroga celebra a XXII Mostra do Mel

•A fin de semana da Mostra inclúe boa parte da programación das Festas do Verán, con música, deporte, actividades infantís e a Festa da Xuventude, entre outros actos

O mel de Quiroga, resultado das laboriosas abellas, poderá ser adquirido nos stands da XXII Mostra, situados na rúa Real da capital quiroguesa. Este ano, a feira incorpora unha demostración do traballo da madeira. EC.

A exaltación dos produtos da terra constitúe unha ocasión única para a celebración popular. En Quiroga, aproveitan a Mostra do Mel para concentrar as actividades das Festas do Verán, cun programa de actos que aglutina gastronomía, música, arte e tradicións, sen esquecer ó público infantil e xuvenil.

NOVE APICULTORES, FIADEIRO DE LÁ E DEMOSTRACIÓN DO TRABALLO DA MADEIRA, NA XXII MOSTRA DO MEL

O sábado 10 de agosto é o día adicado ó mel de Quiroga. Durante toda a xornada e dende as once da mañá, veciños e visitantes poderán mercar o mel producido nas terras quiroguesas, xunto a outros produtos típicos da zona. Nesta edición da Mostra do Mel estarán presentes coa súa produción os apicultores José Río Espada, de Pacios de Mondelo; Isabel Marcos López, de A Ponte Rodela; Manuel Macía González, de As Estradas; Ángel Gómez Martínez, de Paradapiñol; Andrés Campo García, de Fisteus; Manuel Rodríguez Fernández, de Centeais; Agripino Ferreira Machado, Blanca Carballo Rodríguez e Manuel Macía Castiñeira, de Quiroga. Como novidade, dende as once e media ata a unha e media da tarde, ademais do fiadeiro tradicional de lá, o recinto da feira do mel acollerá unha demostración do traballo da madeira.

ARTE, MÚSICA E DEPORTE PARA ABRIR A FIN DE SEMANA

Dende o día 8 e ata o domingo 11, Quiroga celebra as Festas do Verán, cun programa variado que pensa en todos os públicos. A cita futbolística é un elemento indispensable nas festas dos nosos pobos, e en Quiroga este ano céntrase nos máis novos, coa disputa, entre o xoves e o venres, do Torneo Infantil de Fútbol das Festas do Verán, ás seis da tarde no campo de fútbol municipal. Pola súa banda, o aspecto artístico ven de gañar forza no calendario festivo, e no programa das Festas do Verán de Quiroga estará centrado no talento local, coa inauguración, o venres ás oito da tarde, da exposición de pintura dos alumnos e alumnas que completaron o curso de pintura organizado pola Asociación Sociocultural da Comarca de Quiroga. O mesmo venres a partir das nove e media da noite comezará a VIII Festa da Comunidade, amenizada polo dúo Fondo Tropical no parque da Constitución. A música seguirá na zona dos pubs, onde a partir da medianoite terá lugar a Festa da Xuventude, na que participarán os grupos +IVA e Los Árboles.

MOSTRA DO MEL, CONCURSO ARTÍSTICO E FESTA POPULAR CON LUCÍA PÉREZ PARA A XORNADA DO SÁBADO

A XXII Mostra do Mel de Quiroga centra o programa de eventos da capital comarcal durante o sábado 10 de agosto. Logo da apertura de stands ás once da mañá, e tras comezar o fiadeiro de lá e a demostración de traballo en madeira, amenizarán o ambiente os pasarrúas a cargo da Banda de Música de Antas de Ulla, que ofrecerá un concerto diante do Concello á unha da tarde. Xa pola tarde, e dende ás sete menos cuarto, a Praza de España acollerá o V Concurso Pinta con Xiz no Chan, actividade que dará paso a unha noite musical. A partir das nove e media comezará a festa popular amenizada pola orquestra Pontevedra e o Grupo Limón, coa actuación da intérprete eurovisiva Lucía Pérez.

MAXIA, FÚTBOL E MÚSICA PARA REMATAR AS FESTAS DO VERÁN

A mañá do domingo iniciarase cos pasarrúas a cargo da banda de gaitas Brabán e a charanga Terras do Bibei, e pola tarde haberá sesión deportiva que terá como protagonista ó fútbol, coa presentación da plantilla do Quiroga F.C. no Trofeo Xoiería Zafiro. Os máis cativos terán o seu momento festivo na tarde do domingo. A Praza de España acollerá dende as oito o espectáculo de malabares, humor e novo circo Peterpunk, organizado en colaboración coa Rede de Dinamización Lingüística. A música voltará á noite, coa festa popular que dende as nove e media estará amenizada pola orquestra Fania Blanco Show e o grupo Océano. Estes mesmos intérpretes serán os encargados de poñer o punto final ás Festas do Verán de Quiroga na Gran Verbena que se desenvolverá a partir das doce da noite.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

I CERTAMEN DE PINTURA ÁNGELA LÓPEZ CASTRO

Seguinte Nova

Arte, música tradicional e degustación na XVIII Feira da Rosca de Sober

Últimas noticias sobre CULTURA

Ir aInicio