Termalismo e Camiño de Santiago, unha opción dinamizadora para a nosa provincia

•Desenvolverase nos balnearios de Augas Santas, Guitiriz, Lugo e Pambre de agosto a decembro deste ano •O programa aproveita a proximidade dos balnearios ás diferentes rutas do Camiño de Santiago •Hai 1.200 prazas para lucenses maiores de 50 anos, que poderán levar un acompañante

O tirón do Hotel Balneario de Augas Santas, en Pantón, nótase na chegada de visitantes ó propio núcleo de Ferreira, a capitalidade do municipio, xa que boa parte dos consultantes na Oficina de Turismo de Pantón proceden deste complexo hoteleiro. EC.

O turismo de saúde supón un importante elemento de promoción turística, según os datos do Observatorio Nacional de Termalismo y Desarrollo Rural. A provincia de Lugo conta con instalacións termais de primeiro nivel, situadas ademais ó pé dos Camiños Primitivo, Norte, Francés e de Inverno a Santiago, o que lle aporta un elemento diferencial “que non debemos desperdiciar”. Así o explicou a vicepresidenta segunda da Deputación de Lugo, Lara Méndez, durante a presentación da terceira edición do programa Termalismo no Camiño, unha iniciativa promovida polo organismo provincial que ofrece descontos en paquetes de estancias e tratamentos mineromedicinais para lucenses maiores de 50 anos. Este programa, que se desenvolve dende agosto a decembro deste ano, ofrece 1.200 prazas en catro balnearios da nosa provincia (Augas Santas, Río Pambre, Romano de Lugo e Guitiriz), das que 650 corresponden ó complexo Oca Augas Santas Balneario Golf&Resort de Pantón.

PAQUETE DE PRESTACIÓNS CON DESCONTO

O programa Termalismo no Camiño ofrece descontos en paquetes de prestacións que inclúen 6 días con 5 noites de estancia, 5 pensións completas, cea e aloxamento o día de chegada, e almorzo e comida o día de saída, 8 técnicas de balneario, un recoñecemento médico á chegada, e programa de animación sociocultural de luns a venres.

BOA ACOLLIDA DO PROGRAMA NAS EDICIÓNS ANTERIORES

Esta iniciativa da Deputación de Lugo de ofrecer descontos en paquetes de servizos nos balnearios lucenses permitiu nas dúas anteriores edicións que preto de 2.000 lucenses coñeceran as instalacións termais da nosa provincia. “Este programa resultou moi favorable para o Balneario de Pantón, xa que permitiu disfrutar das nosas instalacións a centenares de lucenses que doutro xeito non as poderían coñecer”, explica Antonio Freire Magariños, do equipo directivo do OCA Augas Santas Balneario & Golf Resort. “Desta maneira, poideron coñecer a riqueza termal da nosa provincia, e, posteriormente, moitos destes usuarios do programa voltaron pola súa conta, e están difundindo o termalismo entre familiares e coñecidos”, precisa Freire Magariños.

O entorno da Oficina de Turismo do Concello de Pantón concentra unha ampla oferta de hostelería e servizos, que resultan directamente beneficiados polo fluxo de visitantes procedentes do Hotel Balneario en busca de información turística da zona. EC.

MÁIS VISITANTES DENDE AUGAS SANTAS CARA A CONTORNA

Os usuarios dos balnearios tamén contan cunha oferta de ocio e lecer na contorna das instalacións termais. “O programa Termalismo no Camiño, ó ter unha orientación principalmente de ocio, está facilitando o coñecemento dos recursos turísticos da comarca”, explica o directivo do Hotel Balneario de Augas Santas. “No noso caso, unha das motivacións dos usuarios para escoller Augas Santas é coñecer a Ribeira Sacra, as súas paisaxes, o románico e as adegas, xa que aparte de disfrutar das instalacións termais o propio programa inclúe saídas que facilitan o uso doutras infraestruturas turísticas da comarca de Lemos”, suliña Antonio Freire.

Neste sentido, Mariana Núñez, que rexenta o Mesón O Mosteiro, en Ferreira de Pantón, en pleno casco monumental da capital do municipio, recoñece que “é moi interesante que veña xente ó Balneario, sería moi bo para todos os negocios desta zona”, e confía en que os participantes do programa Termalismo no Camiño “se acheguen a visitar a zona e nos coñezan, a nós e ós demais establecementos”.

A posibilidade de que Pantón e a súa riqueza patrimonial e natural sexa coñecida polos aloxados no Hotel Balneario é valorada polos veciños. Mª Luisa Armesto, de Vilar-Castillón, opina que os que veñan “poden coñecer a zona e disfrutar do Balneario, que é bo sitio”, e en canto ó programa recoñece que “a idea gústame, aínda que a saúde ten que acompañar para viaxar, pero sempre está ben cambiar un pouco”. •

Mª Luisa Armesto Quiroga, veciña de Vilar-Castillón, en Pantón: “Gústame a idea, está ben cambiar un pouco; hai que ter a saúde ben para ir. Se podo dicirllo a moita xente fareino”. EC.

 

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

A VII Exposición Bienal Salón Internacional de Otoño pode verse en Sarria e Samos ata o 20 de agosto

Seguinte Nova

Recta final da III Semana de Teatro Cómico de Sarria

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: