Os participantes neste programa da Xunta desenvolverán no verán 200 accións voluntarias na comarca de Lemos en materia de prevención de incendios
Bóveda está a acoller o programa de Voluntariado Ambiental organizado pola Xunta de Galicia para o sur lucense, e a través do que se desenvolverán 200 accións voluntarias na comarca de Terra de Lemos en materia de prevención de incendios forestais. A comezos deste mes, o director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, visitou ós participantes no programa, instalados no viveiro Os Trollos, acompañado do alcalde de Bóveda, José Manuel Arias. Rodeiro explicou que este programa ten como obxectivo sensibilizar a través da participación cidadá da necesidade de conservar o patrimonio natural, ao tempo que os voluntarios adquiren os criterios e coñecementos básicos sobre prevención, información e vixilancia contra os incendios forestais. O programa funciona por quendas de cinco días, nos que un grupo de oito voluntarios asistidos por un monitor desenvolven as actividades formativas e de voluntariado. O programa ofrece aloxamento e pensión completa, así como seguro de asistencia e formación.