Miña casiña, meu lar

A mostra estará aberta ata o 31 de agosto na Fundación Novacaixagalicia de Monforte

•Os artesáns Francisco García-León e Josela Fernández, monfortina de nacemento, son os artífices das miniaturas da exposición “Casa de bonecas” •A mostra integra 16 casas en miniatura completamente decoradas, ademais de accesorios como lencería, xoguetes e electrodomésticos a escala

A decoración dos interiores das casas en miniatura da exposición “Casas de Bonecas” non esquece nin os detalles máis miúdos, como lapiceiros ou porcelanas. EC.

“As casas da nosa colección particular son como fillos, todas moi queridas, distintas entre si pero co seu propio encanto e co seu momento”. Así fala a monfortina Josela Fernández, artesana afincada en Sevilla que leva toda unha vida adicada á creación de casas en miniatura. Xunto co seu marido, o artesán Francisco García-León, conseguiron convertir esta pasión en oficio na capital hispalense, e unha mostra do seu exitoso camiño no miniaturismo pode verse na Fundación Novacaixagalicia (todos os días de 11 a 14 horas, e de 19 a 22 horas).

A exposición inclúe unha fiel recreación con bonecos dunha aula escolar de mediados do século XX. EC.

INICIATIVA DO CCU

A idea desta exposición xurdiu no pasado verán, cando participaron na Feira de Mostras que organiza o Centro Comercial Urbano de Monforte. Traían dúas casas que foron todo un éxito. “A presidenta do CCU díxonos que por qué non pensábamos nunha exposición en Monforte con máis casas”, explica Josela Fernández, “e unha vez que nolo propuxo xa despois se implicaron o Concello de Monforte e a Fundación Novacaixagalicia”.

Complementos como roupa de cama, vestidos, lencería ou sombreiros en miniatura asombran ós visitantes. EC.

PEQUENAS GRANDES OBRAS DE ARTE

A coidada elaboración destas casas en miniatura impresiona co seu gusto polos detalles. Solados en diversos materiais, roupa e complementos, mobles de época e decoración axeitada a cada espazo sorprenden ós visitantes, e o espectacular resultado conta con moitos seguidores. “Durante moito tempo tivemos tenda en Sevilla, e pensábamos que o noso público sería elitista, pero nos equivocamos completamente”, explica Josela, “xa que o miniaturismo non ten fronteiras”. Unha afición que lles achegou clientes de todas as idades, “dende un neno de 5 anos ata unha señora de 84”, precisa Josela, sabedora de que os seus traballos son pezas cotizadas. “A casa máis económica que vendemos, sen decorar, foi por 460 euros, e a partir de aí o que se queira”, puntualiza a artesá nacida en Monforte, que ten vendido encargos “por moitos miles de euros”. Dato que non extraña, se se repara na minuciosidade e delicadeza dos resultados. “Nestas casas nunca se termina de traballar”, explica Josela con agarimo, imprescindible para imprimirlle vida e calor a estas acolledoras casiñas.•

A peza máis espectacular da colección é unha casa de época de tres pisos, perfectamente amoblada. EC.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Polémica en torno ó catamarán

Seguinte Nova

A Oficina de Turismo de Pantón rexistrou en xullo un aumento de case o 100% nas visitas

Últimas noticias sobre CULTURA

A %d blogueros les gusta esto: