A 2ª Feira de Mostras que organiza o CCU de Monforte terá lugar do 15 ó 18 de agosto
•Os responsables do CCU esperan repetir a excelente acollida da pasada edición, cando se venderon 12.000 entradas “a pesar da crise” •Este ano, o acceso ó recinto feiral situado nos Escolapios será gratuíto •A Feira contará coa participación de máis de 80 expositores
Monforte presume de comercio, e convencidos da calidade e da variedade da súa oferta, os responsables do Centro Comercial Urbano de Monforte poñen en marcha a segunda edición da Feira de Mostras Val de Lemos. Do 15 ó 18 de agosto, o entorno do Escolapios acollerá a máis de 80 expositores, que amosarán o mellor dos seus produtos e servicios a unha cidade en plena efervescencia festiva.
PRESENCIA DE TODOS OS SECTORES COS MÁIS DE 80 EXPOSITORES DA FEIRA DE MOSTRAS
Alimentación, fogar, industria, estética, automoción, seguros, artesanía, decoración e unha longa lista máis de sectores estarán presentes nos días de remate da semana grande das Patronais de Monforte. O tirón de público das festas, unida á ampla oferta comercial prometen unha exitosa Feira de Mostras, co atractivo de que este ano a entrada é gratuíta. “Estamos moi satisfeitos cos resultados do ano pasado”, explica Mª José Senra, presidenta do CCU de Monforte, “porque todos os expositores, agás un só, tiveron ventas, e porque foi moita a aceptación da xente, xa que vendimos 12.000 entradas a pesar da crise”. De aí que a directiva do CCU de Monforte aposte en firme por esta Feira de Mostras, “ó ser gratuíta, estamos matándonos a organizala o mellor posible”, e esperan “como mínimo repetir os resultados do ano pasado, que estaría moi ben, coa que está caendo”.
HORARIO DE MAÑÁ E TARDE, ACTIVIDADES PARA NENOS, MÚSICA E UNHA CHARLA PROFESIONAL
Para facilitar que o público disfrute o máximo posible dunha sesión de compras, e poida coñecer a variedade de produtos que se poden acadar en Monforte, a organización estableceu un horario de mañá e tarde, con actividades complementarias. Así, a Feira de Mostras Val de Lemos poderá visitarse de once da mañá a dúas da tarde, e de seis da tarde a once da noite. Está previsto que os máis pequenos poidan contar con inchables, minigolf e karts, ademais de poder participar en obradoiros de artesanía todos os días da Feira. A música estará presente coa actuación das Pandereiteiras de Monforte, a Banda de Gaitas Municipal e o Grupo de Danzas do Concello de Monforte. Asimesmo, haberá espazo para a formación, cunha charla o venres, en horario por confirmar, sobre dereitos e obrigas dos autónomos ante os riscos laborais. Ilusión, traballo e aposta firme polo potencial do comercio monfortino son as claves desta iniciativa, que foi recuperada o pasado ano pola actual directiva do CCU, e que conta co apoio do Concello de Monforte. “Hai que transmitir á xente que Monforte ten todas as posibilidades comerciais dunha gran cidade, coas vantaxes das cidades pequenas”.•