Polémica en torno ó catamarán

O Partido Popular critica a situación «insostible» das rutas do catamarán da nosa provincia

•Dende a Área de Turismo provincial acusan ós populares de «actuar de mala fe e falar do que non saben»•Defenden o éxito das campañas promocionais realizadas, apoiándose no incremento, en máis de 3.000 visitantes, no número de usuarios dos catamaráns respecto a 2012

A voceira do Grupo Provincial do Partido Popular, Elena Candia, durante a rolda de prensa celebrada diante das instalacións do Club Náutico de Doade, acompañada entre outros polo alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián; o alcalde de Bóveda, José Manuel Arias; a parlamentaria autonómica e voceira do PP en Monforte, Julia Rodríguez; e o alcalde de Pantón, José Luis Álvarez. Arquivo EC.

O turismo fluvial acaparou a actualidade política coa polémica xurdida a nivel provincial pola situación das rutas dos catamaráns lucenses. A finais do mes de xullo, a voceira do Grupo Popular na Deputación de Lugo, Elena Candia, convocaba ós medios de comunicación diante das instalacións pechadas do Club Náutico de Doade para anunciar a posición do seu grupo ante as «deficiencias existentes na xestión das rutas do catamarán polos ríos Miño e Sil».

RECOLLIDA DE SINATURAS E POSIBLE RECLAMACIÓN PATRIMONIAL

A voceira popular na corporación provincial, que estivo acompañada, entre outros, polo alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, o rexedor de Bóveda, José Manuel Arias, e o alcalde de Pantón, José Luis Álvarez, adiantou a moción que, días despois, presentaría o seu grupo no Pleno provincial para instar á Deputación a «subsanar de maneira inmediata estas deficiencias», para «dar resposta ás demandas trasladadas polo sector e cumprindo o compromiso asumido en sesión plenaria de outubro de 2012». Asimesmo, Elena Candia anunciou unha campaña de recollida de sinaturas «co obxecto de instar ó Goberno provincial a que comece a traballar», e apuntou que o Grupo Popular valorará unha posible reclamación patrimonial por danos e perxuícios «dada a repercusión negativa que esta situación está a xerar nos establecementos e no sector turísticos».

ESIXEN UN PROGRAMA DE TRABALLO DESEÑADO ENTRE ADMINISTRACIÓN E SECTOR PRIVADO

Según adiantara Elena Candia, os populares esixiron na súa moción presentada no Pleno provincial celebrado o día 30 «que se enmenden as deficiencias existentes na xestión dos catamaráns. Ademais , esixiron ao equipo de goberno da Deputación «a que se estableza unha comisión de traballo», na que estean presentes todas as administracións e entidades representativas da actividade privada, e na que se deseñe un programa que inclúa aspectos como a planificación de paradas, a posta en funcionamento de infraestruturas, a mellora na atención aos usuarios e na sinalización e a adecuación do entorno, entre outros puntos, «co que dea resposta a todos os implicados, sendo aceptado dito resultado como vinculante».

O servizo de catamaráns da Ribeira Sacra lucense centrou a polémica política no sur de Lugo. Arquivo EC.

DEFICIENCIAS DETECTADAS NESTE SERVIZO

Asimesmo, a voceira do Grupo Provincial do Partido Popular referiuse á existencia de escritos trasladados a Área de Cultura e Turismo tanto por parte do sector como de asociacións, establecementos hostaleiros e o propio Grupo Popular nos que demandan unha mellora no servizo e refiren a deficiencias como «a supresión de rutas, a redución de paradas en áreas recreativas como a Illa de Maiorga, ó peche de clubes náuticos en temporadas altas de turismo, e a mala atención ao usuario». Candia cualificou de «insostible» a situación a día de hoxe, e afirmou que a repercusión sobre o turismo «é moi evidente froito das importantes deficiencias existentes que o propio bipartito provincial recoñeceu ao votar a favor da moción dos populares en outubro de 2012».

RESPOSTA DO GOBERNO PROVINCIAL

Fronte a estas críticas, o delegado de Turismo da Deputación de Lugo e voceiro do BNG na corporación provincial, Mario Outeiro, destacou o incremento «espectacular» do número de viaxeiros nos catamaráns que xestiona a institución provincial, e acusou ó Grupo do Partido Popular de “actuar de mala fe e de falar do que non sabe” cando afirma que as campañas turísticas na Ribeira Sacra non están a ser un éxito. Outeiro informou de que o catamarán de Doade rexistrou no que vai de ano un total de 9.052 viaxeiros, fronte aos 7.476 do ano pasado, mentres que o de Belesar ascende xa a 1.555 fronte aos 761 do exercicio anterior, e no dos Robles a estas alturas rexístranse 754 viaxeiros, superando aos 120 de 2012. «Este é un dato fundamental para valorar o éxito ou fracaso das campañas turísticas que se desenvolven”, puntualizou o responsable provincial de Turismo, quen insistiu en que os datos desmontan as valoracións «infundadas» dos populares. “As opinións do PP teñen pouco valor, e aínda menos as que se refiren a que os clubs náuticos se atopan fechados, cando o único que está nesa situación é o de Doade, e os outros se atopan en proceso de licitación”.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

Pulo ó comercio e á eficiencia enerxética no concello de Sarria

Seguinte Nova

Miña casiña, meu lar

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

Ir aInicio