O plan provincial de rebacheo está executado en máis do 80% das actuacións previstas
•No sur lucense, nestes días estase a traballar nos municipios de Chantada, Carballedo e Taboada • Ademais, hai obras de acondicionamento nos concellos de Lugo, Portomarín, Palas de Rei, Friol, Guntín e Cervantes
Os meses de verán están a piques de rematar, e con eles as tarefas de mantemento vial máis importantes do ano. Os equipos de traballo que o departamento de Vías e Obras da Deputación de Lugo puxo en marcha a comezos do mes de xullo están a completar nestes días os traballos de rebacheo en nove concellos da provincia, que inclúen os tres concellos da comarca de Chantada.
PENDENTES SÓ CATRO CONCELLOS PARA COMPLETAR O PLAN DE REBACHEO PROVINCIAL
Así, Taboada, Carballedo, Chantada, Palas de Rei, Portomarín, Lugo, Cervantes, Guntín e Friol están a ver acondicionados os seus viais de titularidade provincial, o que supón a mellora dun total de 800 quilómetros de estradas. Según informaron os responsables de Vías e Obras, unha vez que rematen as actuacións nestes nove concellos, procederase a acondicionar o firme dos catro concellos que quedan pendentes para completar a totalidade dos traballos, e que suporán a mellora doutros 150 quilómetros.
PRETO DE 700 QUILÓMETROS DE ESTRADAS PROVINCIAIS, ACONDICIONADAS NAS COMARCAS DE LEMOS E QUIROGA
Durante o mes de agosto, o organismo provincial desenvolveu o rebacheo de 667 quilómetros de viais nos concellos de Monforte de Lemos, A Pobra do Brollón, Sober, O Saviñao e Bóveda, así como de Quiroga, Folgoso do Courel e Ribas do Sil. O obxectivo destes traballo é mellorar a seguridade vial, e dispoñer as estradas nas mellores condicións para os meses do inverno.•