Monforte e Chantada presentaron mocións
Os municipios lucenses están a levantar a súa voz en contra da reforma da Administración local que está a preparar o Goberno central. Un grupo de alcaldes e concelleiros, entre os que se encontran os alcaldes nacionalistas de Monforte e Ribadeo, Severino Rodríguez e Fernando Suárez, os alcaldes socialistas de A Pastoriza e Pedrafita do Cebreiro, Primitivo Iglesias e José Luis Raposo, o alcalde de Chantada, o independente Manuel Varela, e o concelleiro nacionalista de Chantada, Ildefonso Piñeiro, de Anova, ofreceron o pasado día 6 en Santiago unha rolda de prensa para convocar a todos os alcaldes e concelleiros de Galicia a unha asamblea informativa para trata sobre esta medida do Goberno de Mariano Rajoy e que afectará de xeito moi especial, según os convocantes, ós municipios de menos de 20.00 habitantes. Na nosa provincia, estes cambios afectarían a todos os concellos agás Lugo. Asimesmo, a nivel local, os grupos municipais socialista e nacionalista no Concello de Monforte presentaron unha moción conxunta sobre o rexeitamento a este anteproxecto de lei, e outra sobre a perda de servizos nos concellos. Pola súa banda, en Chantada idénticas mocións foron presentadas e asinadas de xeito conxunto polo Grupo Nacionalista, PSdeG-PSOE e INTA.
“COA EXCUSA DA CRISE, O GOBERNO CENTRAL QUERE REFINANCIAR Á BANCA E DAR OS SERVIZOS PÚBLICOS Á EMPRESA PRIVADA”
Os responsables desta iniciativa xustifican o rexeitamento ó anteproxecto de reforma da Administración local porque suporá unha redución “sustancial” das competencias dos concellos, que pasarán ás Deputacións provinciais. Estes alcaldes e concelleiros entenden que, “coa excusa da crise, o Goberno central quere facer unha profunda reforma da Administración local cun dobre obxectivo”, que sería “refinanciar á banca e introducir a iniciativa privada para cubrir servizos que até agora son públicos”. Deste xeito, os responsables municipais adheridos a esta protesta entenden que o Goberno de Rajoy pretende “cargarse dun plumazo as cotas de liberdade na toma de decisións que aínda nos quedaban nos concellos, avalando así a un sistema financieiro en declive cos cartos de todos e botando as culpas e as cargas na Administración local”.
REPOSICIÓN DOS SERVIZOS PÚBLICOS QUE SE ESTÁN A PERDER NOS CONCELLOS DO SUR DE LUGO
Nas mocións relativas á perda de servizos no sur de Lugo, os responsables desta iniciativa esixen o restablecemento da Área Sanitaria Integrada de Monforte, a recuperación das competencias das delegacións da Axencia Tributaria de Monforte, garantir a actual estrutura xudicial, a reposición de todos os servizos ferroviarios e a garantía de mantemento dos postos de traballo, e a reposición de todos os veterinarios, médicos de Atención Primaria e escolas rurais que foron eliminados nesta zona, entre outros aspectos.